A alcaldesa de Marín advirte: «Hai un incumprimento sistemático» das restricións

La Voz

PONTEVEDRA

La alcaldesa de Marín, María Ramallo (PP)
A alcaldesa de Marín, María Ramallo (PP) Ramón Leiro

Maria Ramallo insiste en que a situación segue sendo preocupante

26 novs 2020 . Actualizado ás 12:13 h.

O comité clínico e Sanidade descartaron onte adoptar máis restricións en Pontevedra, a única cidade galega onde non hai unha melloría en canto á incidencia acumulada (IA). En Pontevedra pasou de 326 a 349 casos por cen mil habitantes nos últimos catorce días e de 165 a 184 en sete días. As autoridades apuntaron que se verá de que xeito pódese insistir nas formulacións para reverter esa tendencia.

Ademais da cidade de Pontevedra, un municipio que preocupa é Marín. A súa alcaldesa, María Ramallo (PP), participou onte na reunión co resto de representantes dos concellos incluídos no peche perimetral e con Sanidade e a Xerencia da área sanitaria. A rexedora subiu o ton das súas intervencións e asegurou que a situación epidemiolóxica do municipio non mellora como debería porque hai un «incumprimento sistemático» das normas. A situación, dixo, segue sendo preocupante porque a incidencia acumulada a catorce días mantense elevada na maioría dos municipios. No caso concreto de Marín, este mércores rexistraba 87 casos activos e a incidencia acumulada é de 254. «Isto supón unha baixada con respecto ás dúas semanas anteriores, pero a incidencia segue sendo alta e non temos máis opcións que cumprir estritamente as normas», explicou a rexedora. Ramallo lamentou que haxa «un incumprimento sistemático por parte da cidadanía, especialmente no que ten que ver coas reunións con non convivintes». Insistindo nas consecuencias deses comportamentos reclamou un esforzo aos seus veciños. «Se seguimos mantendo xuntanzas para tomar un café para levar ou para ir aos domicilios daqueles que non son os nosos convivintes estamos facilitándolle o traballo ao virus», remachou. Ramallo solicitou aos marinenses que fagan un esforzo para cumprir estritamente con esta norma e con todas as demais.