Pontevedra e O Salnés suma 69 novos contagios e ten 65 pacientes hospitalizados

La Voz

PONTEVEDRA

25 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Desde que o 7 de novembro entraron en vigor as restricións duras (peche perimetral e da hostalería) a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés foi incapaz de frear os novos contagios de coronavirus. Só en dúas xornadas desde entón, o 10 e o 16 de novembro, as novas infeccións foron inferiores a 50, en concreto, 44 e 48, respectivamente. O informe oficial de onte rexistra 1.235 casos activos, un máis que o luns, pero tramitáronse 68 altas epidemiolóxicas, co que houbo 69 novos contagios. Outro dato preocupante é de hospitalizados. Nestes momentos hai 65 persoas con covid-19 que necesitan atención hospitalaria. Son 59 en plantas de tres centros (51 en Montecelo, 3 en Quirónsalud e 5 no Salnés, en Vilagarcía), mentres que hai seis pacientes graves na uci de Montecelo. O resto de infectados, 1.170, teñen síntomas leves ou son asintomáticos, polo que están en illamento nos seus domicilios baixo seguimento de persoal de atención primaria.

Nas últimas 24 horas realizáronse 691 probas PCR, para un total acumulado desde marzo de 85.672. Desde que se aplican as restricións máis fortes houbo varias xornadas con máis de mil por día. As persoas contaxiadas que superaron a enfermidade e curáronse son 3.850, 68 máis respecto ao luns. Por contra, segundo cifras oficiais, faleceron en hospitais e residencias da área 50 persoas. En novembro contabilízanse xa 20.

Por concellos, Pontevedra tiña onte 354 casos activos (-1) e 1.400 persoas en seguimento; Marín, 90 (-2) e 267 persoas baixo control; Sanxenxo, 87 (+4), e Poio, 64 (+3) e 251 en corentena.