«Elas morreron e merecen ser lembradas. Pero mirade tamén ou que queda»: a nai das nenas asasinadas en Moraña conta como vive tras o crime

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Rocío Viéitez, madre de las niñas asesinadas en Moraña en el año 2015
Rocío Viéitez, nai das nenas asasinadas en Moraña no ano 2015 Cedida por Rocío Viéitez

Non recibiu os 300.000 euros de responsabilidade civil porque o asasino «só tiña débedas» e ata ten a obrigación de pagar a casa na que o seu ex marido e pai das crías matounas

26 novs 2020 . Actualizado ás 16:52 h.

Hai que estar feita dunha pasta especial para non explotar de rabia cando se fala ou se escribe publicamente do asasinato dun fillo. Rocío Viéitez, a nai das nenas asasinadas no ano 2015 en Moraña polo seu exmarido e pai das pequenas, David Oubel, que foi o primeiro condenado á prisión permanente revisable en España, demostrou sobradamente que ela ten esas agallas. E que, aínda que por dentro estea rota de dor, é capaz de expresarse con crueza, pero tamén cun saber estar e un apromo descomunal. Hoxe, 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, decidiu facelo. Comunicouse a través das súas redes sociais. E, loxicamente, a data para falar do seu caso e do doutras moitas mulleres e homes cuxos fillos foron asasinados non foi escollida ao azar. 

Rocío Viéitez, de profesión tradutora e unha desas mentes brillantes grazas ás que xenios da literatura universal como Valle-Inclán poden lerse en galego, comeza, precisamente, explicando por que fala un día como o de hoxe, un 25-N: «Nunca me expresei nesta data porque non o sentín así e porque por lei non son vítima de violencia de xénero. As nais e pais de nenos e nenas asasinados non temos nin nome que nos defina, somos orfos e orfas de fillos e fillas. E lembramos a eses pequechos en vida para manternos respirando», explica.

Conta que unha xornada como a de hoxe se lembra ás vítimas, levántanse bandeiras negras, eslóganes e lazos morados. Apróbao. Pero cre que non chega con lembrar a quen faleceron por esta secuela. E fai unha reflexión desas que provocan calafríos: «Elas e eles [refiriéndose a los niños asesinados] morreron e merecen ser lembradas e lembrados, pero mirade tamén o que queda. Ao longo de cinco anos coñecín a nais rotas, fortes, pero danadas de por vida. E non remata coa perda brutal, execrábel dos nosos úteros. Segue despois. Costas de xuízos que pagas ti, débedas de malnacidos e malnacidas que che esixen a ti, e saber que dentro duns anos pedirán permisos de fin de semana». 

Logo, conta o seu caso. E faino pondo números sobre a mesa, para explicar que, como moitas outras nais, ademais de vivir co drama de perder ás súas fillas tamén ten que enfrontarse a unha interminable e custosa batalla legal e económica. Así, explica que hai unha sentenza que indica que o asasino das súas fillas, David Oubel, debe pagar 300.000 euros de responsabilidade civil, pero que na vida os percibirá «porque só tiña débedas». 

Explica tamén que grazas ao seu labor como tradutora puido pagar os 25.000 euros de costas do seu avogado. E, por se con isto fose pouco, sinala que a obrigan a pagar unha hipoteca de 130.000 euros da casa onde a súa exmarido matou as súas fillas. Trátase dunha vivenda que, a raíz do divorcio, quedou a el. Pero que, tal e como explica Viéitez, ela debe abonar como parte solvente aínda que non sexa dona da mesma, «xa que a lei hipotecaria é Deus neste mundo». A conclusión sobre a súa situación económica é demoledora: «Non ter nada ao meu nome porque nada podo ter». 

É consciente de que non só está ela nesta situación: «Coma min, moitas outras, sen fillos, sen futuro, anos despois recibindo aínda paus legais, algunhas sen poder traballar porque non erguen cabeza, aditas aos antidepresivos para vivir a supervivencia». Insiste en que a os pais e nais de nenos asasinados a lei non lles considera vítimas e que, con todo levan a violencia de xénero tatuada na pel. 

 Asegura que o seu berro desesperado é para que se escoite a voz dos silenciados. E pide que se compartan as súas palabras para reclamar cambios legais, como cando abandeirou a campaña para que non se derrogue a prisión permanente revisable. Remata dicindo que fala só no seu nome, no de Rocío Viéitez. E aclárao porque ela, que nunca quixo expor ás súas fillas, cre que as vítimas deben ser lembradas. Pero tamén deben resultar intocables. E por iso evita sequera que haxa que pronunciar os seus nomes.