O número de hospitalizados por coronavirus dispárase na área de Pontevedra

María Hermida / Cristina Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

En só 24 horas, pasouse de 37 persoas ingresadas en planta ou en uci a 50, nunha xornada na que os contagios volveron crecer

24 oct 2020 . Actualizado ás 16:32 h.

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue encadeando xornadas pésimas en canto á incidencia do coronavirus. O informe do Sergas de hoxe, sábado, constata que se manteñen disparados os contagios. Así, nas últimas 24 horas detectáronse 49 casos novos, na que xa é a cuarta xornada consecutiva con datos moi preocupantes. Así, o número de casos activos elévase a 622 e o número podería ser maior de non ser porque continúan dándose altas a ritmo frenético despois de que se cambiase o protocolo e xa non se fagan PCR nin probas serológicas despois das corentenas aos pacientes asintomáticos ou leves. 

Con todo, o dato máis rechamante de hoxe non ten tanto que ver cos novos contagios como coas hospitalizacións, que creceron excesivamente. Onte, venres, o Sergas informaba de que había 37 persoas hospitalizadas por covid-19. Con todo, hoxe, sábado, soamente 24 horas despois, el número de hospitalizados é xa de 50, é dicir, hai unha subida vertixinosa. 

Hoxe, sábado, un total de 43 pacientes están ingresados en planta de tres hospitais (37 en Montecelo, dous no QuirónSalud Miguel Domínguez e catro no Salnés, en Vilagarcía) e os sete restantes están graves na unidade de coidados intensivos (uci) de Montecelo. Neste caso, trátase dunha unidade de críticos que ten capacidade para dez enfermos, polo que xa está previsto habilitar máis camas uci en reanimación, deixando a unidade de curta estancia (uce) para graves non covid.

O resto de casos, 572, teñen síntomas leves ou son asintomáticos, por iso están en illamento nos seus domicilios baixo supervisión de persoal de atención primaria e de Medicina Preventiva. Desde o inicio da pandemia as persoas curadas son 2.271, 22 máis respecto ao venres. As vítimas mortais en hospitais da área a causa do covid son 27. A última, unha muller de 60 anos con patoloxías previas. O incremento de contagios por polo menos 32 brotes activos está a provocar que se realice un número alto de probas PCR cada día. Nas últimas 24 horas foron 1.093 e desde marzo levan acumuladas 58.213.

Comité de seguridade e saúde

A dirección do Chop mantivo onte, venres, pola tarde unha reunión informativa co comité de seguridade e saúde. Foi un encontro de máis de dúas horas solicitado pola Administración e presidido polo xerente, José Ramón Gómez. Segundo fontes sindicais, confirmáronlles que o brote de oncoloxía suma xa 27 contaxiados (9 pacientes, 10 profesionais e 8 familiares) e que debido a este foco estase facendo un cribado a todo o persoal do Hospital Provincial. «Están a valorar protocolos e déronnos unhas recomendacións, pero sempre se culpa ao profesional», apuntaron. O de oncoloxía é o brote máis grave e a investigación non está pechada.

Desde o comité de seguridade e saúde solicitouse que se axusten mellor os protocolos» e que se mellore a política informativa. A dirección acúsaos de «irresponsables» por dar datos e de ter «pouco orgullo de hospital».