O servizo de comedor subirá vinte euros e atrasa o seu inicio

N. d. Amil / B. villaverde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A Fanpa agarda que a Xunta valide o protocolo para empezar

26 sep 2020 . Actualizado ás 21:10 h.

O servizo de comedor nos colexios públicos de Pontevedra e Marín xestionados pola Fanpa non empezará o próximo 1 de outubro. A Federación de Anpas aínda está á espera de que a Xunta valide o protocolo enviado polo colectivo antes de empezar o curso, o que obrigou a pospor a súa posta en marcha, polo menos ata o 5 de outubro. Para poder comezar nesta data faría falta que a resposta da Consellería de Educación chegase antes do luns. De non ser así, volveríase aprazar un servizo que ten máis de 800 inscritos. Pero esta non é a única novidade. Ademais do atraso, o servizo sufrirá un incremento de preto de vinte euros, pasando dos 83 do último curso aos 106 que prevé a federación para este ano.

O presidente da Fanpa, Rogelio Carballo, recoñeceu onte en Radio Voz que «a subvención de este ano era para o curso pasado. Dannos o importe total, pese a non ter gastado o do último trimestre. Nós podemos adicar esa parte para paliar o gasto das familias, pero ten que ser a posteriori, cando estea computado o gasto». A Xunta aprobou esta semana a partida de comedores correspondente ao curso pasado, pero terá que agardar a final de ano para ver se pode reaxustar o prezo dun servizo que este ano se incrementou ao subir os custos preto dun 20%. Os comedores terán que dobrar quendas e aumentar persoal para cumprir o protocolo de loita contra o covid. Nun comunicado, a Fanpa recalca que sempre foi a súa vontade levar a cabo este servizo «debido á importancia que teñen para a conciliación das familias e outras consideracións sociais».

As diferenzas coa consellería están no servizo do comedor, pero desde a federación botan en falta que non se inclúa como se poderá desenvolver o plan madruga. Dúas semanas despois de empezar o curso ambos os servizos seguen no aire. «Se non temos unha resposta sobre a avaliación do protocolo que lle enviamos a consellería e que estamos pendentes de que se valide antes do luns poderemos ter unha apertura o día 5. O protocolo da Xunta non recolle o plan madruga. A consellería o considera como actividades extraescolares», apunta Carballo, quen por outra banda, encomiou a vontade de traballo do novo equipo de goberno de Educación, con Román Rodríguez, á fronte.