Unha oportunidade laboral para os militares que abandonan o Exército

Alfredo López Penide
lÓPEZ pENIDE PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Os exsoldados poden ver recoñecida a súa experiencia nas Forzas Armadas

08 jul 2020 . Actualizado ás 10:45 h.

O que no 2011 naceu da man da Consellería de Economía e do Ministerio de Defensa para recoñecer a experiencia laboral dos militares profesionais que, cumpridos os 45 anos, abandonaban o Exército hase ir ampliando paulatinamente ata abarcar a outros sectores, profesións e oficios. Deste xeito, entre finais deste mes e outubro que se realizarán as probas de valoración, máis dun milleiro de profesionais de diversas ramas -desde persoal de control de pragas ata socorristas en instalacións acuáticas ou, mesmo, integrantes dos servizos de extinción de incendios, entre outras categorías- terán ocasión de beneficiarse do programa de recoñecemento das competencias profesionais a través da experiencia laboral.

Na edición que agora vai arrincar inclúense dúas novidades: o sector da seguridade privada -habilítanse 150 prazas- e o do ensino de ioga.

Ata agora convocáronse 17.761 prazas «con resultados moi satisfactorios», recoñecen desde da Xunta. Engaden que «preto dun 95 % obtiveron unha acreditación» de cara á súa inserción no mercado laboral, tendo en conta que se trata de colectivos que, como os militares non profesionais, «carecen dunha cualificación recoñecida» ou de traballadores que «non puideron formarse, pero adquiriron todas as súas competencias profesionais no propio posto de traballo a través da práctica, da experiencia profesional e de vías non formais de formación».

Non en balde, a falta dunha acreditación destas características pode converterse nun obstáculo para a integración laboral ou, mesmo, a promoción destas persoas.