Semana de recepcións para o Cisne de Asobal

PONTEVEDRA

Cedida

A Deputación resalta a importancia da súa «aposta pola canteira» para chegar á elite

30 jun 2020 . Actualizado ás 20:50 h.

Despois de tres meses sen poder celebralo, o Cisne está a concentrar nunha semana todos os parabéns que tiña pendentes. Se a semana pasada foi a do Concello de Pontevedra, este martes tocáballe a quenda á Deputación, que quixo facer extensible a felicitación por estar na elite ao Frigoríficos Morrazo e aos equipo femininos Atlético Guardés e Porriño. «Que o Cisne estea en Asobal é importante para a cidade, para a provincia e para toda Galicia. Estamos felices, pero tamén é certo que cada vez que un equipo da provincia chega a elite a Deputación ten que empezar a facer contas porque a nós nos encanta», sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.

Os xogadores e o corpo técnico foron subindo dun nun acompañados pola música de Viva a vida, de Coldplay, nunha recepción na escalinata da Deputación. No acto estivo presente José Covelo, que se recupera dun accidente cerebro bascular sufrido o ano pasado. O presidente do Cisne, Santi Picallo, dedicoulle tamén unhas cariñosas palabras ao que é o socio número 1 do club e traballador da Deputación. «Eres tan importante neste clube que é un pracer poder terte aquí. Queremos que o día que debutemos en Asobal esteas aí porque formas parte deste clube e este éxito tamén é teu», explicou o presidente.

O club presentou aos xogadores do primeiro equipo que este ano competirán na elite, a pesar de que aínda falta por pechar o persoal. Tras a confirmación da fichaxe de Carlos Pombo, queda só que se faga oficial o de Gonzalo Carro. O regreso de Pombo é unha volta á que foi a súa casa durante anos e un aceno máis de identidade do Cisne, que onte encomiou a presidenta da Deputación. «Somos unha provincia que ama a este deporte. E vós tedes algo particular que é a vosa aposta por a canteira, é participado por todas aqueles que o queiran facer. Aposta tamén por a xente galega, no seu equipo ten a rapaces maioritariamente galegos. Isto hai que poñelo en valor porque aquí hai moita calidade deportiva», destacou Carmela Silva. O Cisne fixo da canteira o seu principal valor e pretende seguir facéndoo o próximo ano, aínda que sexa xogando en Asobal. A dirección deportiva recalcou que a súa aposta será sempre a de formar xogadores na canteira para que cheguen ao primeiro equipo. Mesmo agora.