Medio Ambiente ratifica por escrito o acordo da cota veciñal á illa de Ons

La Voz BUEU / LA VOZ

PONTEVEDRA

A Xunta ultima «a aplicación informática que permitirá canalizar adecuadamente o acceso diario á illa»

29 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, manifestou a súa satisfacción despois de recibir onte pola mañá un escrito da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, ratificando o acordo ao que se chegou a semana pasada con respecto ao acceso dos veciños de Ons á illa. Este acordo -ao que se chegou nunha reunión telemática entre veciños, portavoces municipais e representantes da Xunta- segue as mesmas liñas do pactado o pasado setembro sobre o mesmo tema e que os veciños aseguraron que a Xunta rompera unilateralmente en marzo, ao reducir de 800 a 300 a cota de veciños autorizados a desprazarse este verán á illa.

No documento que se recibiu este xoves no Concello budetense apúntase que «por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estamos a ultimar a posta en marcha da aplicación informática que permitirá canalizar adecuadamente o acceso diario a illa de Ons, segundo o que establece o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional».

Medio Ambiente procederá a pór en marcha o proxecto piloto, a través da aplicación informática da Amtega. Nesta aplicación reservarase un recuadro para os veciños da illa, ao que corresponderá unha cota de 800 prazas. Pola súa banda, a Xunta aínda non activou a central de reservas para as visitas turísticas a Ons, posto que Madrid aínda non respondeu á súa consulta de como afecta a desescalada á cota de visitas ás Illas Atlánticas e aos barcos de transporte de pasaxeiros.