«Démoslle a educación, o resto fíxoo el co seu esforzo»

Cristina Barral Diéguez
c. barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

P.R.

O amor e a admiración de Pilar Rivadulla polo brillante expediente da súa filla Sofía

19 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ademais de amor de nai, que tamén, o que hai detrás desta pequena homenaxe no xornal é moita admiración. A que sente Pilar Rivadulla pola traxectoria académica da súa filla Sofía. Debido á urxencia sanitaria do coronavirus, esta graduada en Enxeñería Química pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) tivo que deixar as súas clases do máster en Bioprocesos e o seu piso na capital galega e regresar á casa dos seus pais en Xustáns, en Ponte Caldelas. A Pilar ocorréuselle darlle unha sorpresa, coa complicidade do seu marido, para recoñecer todo o esforzo da súa filla, á que define como «unha gran loitadora».

Sofía Estévez Rivadulla, de 23 anos, estudou primaria entre o CEIP Praza de Barcelos de Pontevedra e o CEIP A Lomba de Vilagarcía. Acabou esa etapa educativa con sobresaliente e fixo a ESO e o bacharelato no IES A Xunqueira II da cidade, onde rematou con matrícula de honra. Sofía estudou despois o grao en Enxeñería Química na USC, que rematou cunha media de 8,23, o que lle valeu un dos dous premios extraordinarios fin de grao da súa promoción correspondentes ao curso 2018/2019. Recibiu tamén tres premios Leonardo -premio extraordinario fin de carreira, premio a un dos tres mellores expedientes, e premio a un dos tres mellores traballos fin de grao-. O pasado venres, Sofía e Javier, o seu pai, foron a Santiago a buscar o título. Á súa nai tremíalle todo. «A maior parte as materias do grao cursounas en inglés. É unha gran loitadora e quixen darlle esta sorpresa para que o saiban tamén as compañeiras de instituto que só a vían como a chapona e á que deixaban de lado», conta Pilar emocionada.

Con ese amor de nai, Pilar quere pór en valor o esforzo e a constancia da súa filla durante todos estes anos para labrarse un futuro. Os seus pais déronlle a educación, di a súa proxenitora, pero o resto fíxoo ela. Etapa a etapa á vez que se ía facendo maior. É o seu mérito. «É supereducada, doce, cariñosa e boa compañeira. Véxoa en casa agora en corentena e non ten horario, se algún compañeiro necesita axuda cun traballo ou con algo aí está ela para botar unha man», relata Pilar .

A súa nai ten claro que Sofía será unha gran profesional. O seu campo é o das enerxías renovables e por aí, subliña, debería ir o planeta. «A súa batalla é salvar o medio ambiente, está moi preocupada polo exceso de plásticos e sempre me di, ?Mamá, o petróleo tarde ou cedo tense que acabar?». Por diante Sofía ten o máster e este curso tolo que alterou a pandemia. O máster en , Enxeñaría Química e de Bioprocesoscomo se chama, é habilitante e conta coa acreditación de IChemE, un selo que é unha referencia internacional e permite, por exemplo, convalidar as titulacións nos principais Estados.