«Que se tomen medidas para que o que pasou o meu fillo non volva suceder»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral MARÍN / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Un grupo de pais concéntranse ante o CEIP A Laxe por «tapar» un caso de acoso

19 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ana Santiago ten claro que o seu fillo sufriu acoso escolar no CEIP A Laxe, de Marín. Segundo o seu relato, en lugar de arroupar ao neno cando volveu ao centro educativo tras un tratamento oncolóxico algúns compañeiros de clase metéronse con el. Insultos constantes, un negrón no reservorio e castigos son só algúns aspectos que conta a súa nai. Segundo a Xefatura Territorial de Educación, chegouse a abrir un protocolo de acoso, que concluíu que non había tal conduta, e a proxenitora foi atendida tanto polo inspector do centro como polo inspector xefe. Hoxe o fillo de Ana Santiago, que ten 8 anos, estuda no CEIP A Carballeira, de Lourizán, en Pontevedra. Viuse obrigada a cambialo de centro para combater a inquedanza que a situación lle xeraba. «Dicían que non había acoso, que era o neno o que non se integraba». A súa nai deixa claro que case sempre é o acosado quen ten que cambiar de centro e non os acosadores. «En lugar de arroupalo cando volveu, o que fixeron foi todo o contrario e el sentiuse desprotexido».

No seu caso, cuestiona o proceder que tivo entón o equipo directivo do CEIP A Laxe, ao que acusa de estar máis preocupado «por tapar o ocorrido» que pola saúde e o benestar do seu fillo. «Intentaron tapalo todo», dixo. Esa tese foi sobre a que virou onte pola tarde a concentración convocada por esta nai co apoio doutras persoas.

A protesta tivo lugar diante dese colexio de Marín. Alí despregouse unha pancarta na que se lía «A directiva deste centro tapa o acoso escolar. O acoso dáse onde se permite. Non ao acoso escolar». Que é o que busca Ana Santiago? «Que se tomen medidas para que isto non volva suceder». Contou que o CEIP A Laxe pechou o valo e suspendeu a actividade, polo que a mobilización se fixo no exterior. Esta nai quixo agradecer o apoio de todas as persoas que se sumaron á denuncia pública e achegáronse ata o colexio. Entre elas estaba Ethan L. Carballo, o alumno do IES Torrente Ballester de Pontevedra que tamén sufriu acoso escolar dalgún compañeiro por coleccionar e customizar bonecas Monster High e cuxa historia transcendeu fai uns días. No seu caso, a súa familia tamén optou por cambiar de centro a Ethan ante a falta de resposta.