Uns cacos coidadosos fanse cos valos dun colexio de Poio e un veciño impide que llas leven

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Policía Local de Poio

O home viu luces xunto ao centro escolar de madrugada, avisou á Garda Civil e os ladróns acabaron deixando tirado o seu botín

19 feb 2020 . Actualizado ás 09:56 h.

Todo lle estaba saíndo á perfección a uns cacos que se coaron, na madrugada do luns ao martes, no recinto do colexio de Lourido , en Poio . Cunha cizalla ou con algunha outra ferramenta, lograron retirar seis valas do peche perimetral do centro educativo. Tal e como contaban hoxe desde o colexio, os ladróns fixeron o seu traballo con tanta precisión que os valos non sufriron danos. Pero, afortunadamente, serviulles de pouco esmerarse tanto.

 A un veciño da zona pareceulle raro ver luces sobre a unha da madrugada nas inmediacións do colexio. Logo, sentiu ruídos e decidiu que era mellor chamar á Garda Civil. Os cacos advertiron que se achegaban os axentes e puxeron pés en polvorosa rapidamente, deixándose o botín polo camiño. Dúas das valos permanecían no patio do colexio e o resto foron aparecendo polo monte próximo ao recinto educativo. Iso si, polo menos nun primeiro momento, non se puido deter aos malfeitores.

Desde o colexio sinalaron que, onte, martes, a media mañá, os operarios municipais encargáronse xa de volver colocar os valos no seu sitio. Urxía este extremo porque sen eses valos o colexio quedaría aberto e os nenos poderían ir cara ao monte. Neste centro estudan 200 rapaces de Poio