Que foi do camioneiro do vídeo viral atacando a uns ciclistas cun martelo? O fiscal propón castigo para el

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Cedido

O Ministerio Público considéralle autor de tres delitos leves e pide que pague 5.700 euros en multas, así como distintas indemnizacións

18 feb 2020 . Actualizado ás 10:07 h.

Ás 13.05 horas do 25 de outubro do 2018, na estrada nacional N-546, na vía de acceso á fábrica de Ence en Lourizán (Pontevedra) produciuse unha escena que acabou dando a volta ao mundo. Un camioneiro, F.J.L.F., foi gravado entón mentres atacaba a dous ciclistas cun martelo e berráballes cousas como «ven aquí fillo de puta, ven aquí que che mato, cabrón». Chegou a acadar a un deles, provocándolle lesións.

O vídeo, no que se vía perfectamente ao encolerizado transportista, fíxose viral á velocidade da luz e as críticas chovéronlle por todos lados ao camioneiro. Tanto é así que Ence, a compaña á que se dirixía o condutor, condenou os feitos e anunciou rapidamente que a empresa estaba disposta relacións laborais con el polo seu comportamento incívico. Entraron tamén entón en xogo tanto Pedaladas, un colectivo ciclista, que se puxo de parte dos agredidos, como os transportistas de madeira, que defendían ao seu compañeiro e tamén agresor. O caso, ademais de alagar as redes sociais, acabou nos xulgados pontevedreses. E, actualmente, aínda dá tumbos nos mesmos. Agora, xa hai petición do fiscal para o camioneiro. 

O Ministerio Público fai primeiro un relato dos feitos. Indica que aquel día, cando o camioneiro entraba pola vía de acceso á factoría de Ence, dous ciclistas empolicáronse á cabina do transporte, subindo un deles ao estribo e chamando ao portelo,. Mentres que o outro golpeaba a porta. Que pretendían? Segundo o fiscal, o que buscaban era reconvirlle por un suposto incidente de tráfico que houbera entre eles. 

O caso é que o transportista reaccionou de malo xeito. Segundo o fiscal, baixou «enfadado» do camión e perseguiu a un dos ciclistas cun martelo na man, mentres lle profería insultos e ameazas. Non logrou acadarlle, pero si colleu a súa bici, danouna co martelo e tirouna á maleza. Non contento con iso, foi logo a por o segundo ciclista, ao que si golpeou na cabeza, provocándolle lesións. 

O fiscal considera que o camioneiro é autor de tres delitos leves de lesións, ameazas e danos. E pide que que se lle condene ao pagamento de varias multas que, en total, ascenden a 5.700 euros. Ademais, deberá indemnizar a un dos ciclistas con ao redor de 8.000 euros e tamén ao Sergas cunha cantidade bastante máis moderada pola asistencia que tivo que prestar ao lesionado. Agora, falta saber que ocorrerá cando se celebre o xuízo. E se o xuíz dará por boa a petición do fiscal.

De momento, xa hai algunhas reaccións á petición do fiscal. Por exemplo, pronunciouse sobre a mesma o colectivo Pedaladas. A entidade mostrou a súa solidariedade cos ciclistas agredidos e deulles o parabén por manter a súa acusación ata o final. Logo, dixo: «Queremos lamentar que a lexislación vixente non contemple para este tipo de casos a retirada temporal ou definitiva da licencia de conducción. As persoas que fan condución colérica ou que teñen problemas para conter a ira nunca deberían usar un vehículo pesado. O ideal neste caso é que o fiscal estivera solicitando a retirada temporal ou definitiva da licencia de condución para esta persoa, conducir un vehículo pesado é unha gran reponsabilidade e, na nosa opinión, esta persoa non debería ter unha licencia de condución pola seguridade de todos».