Abrazos para promover a adopción de cans

b. c. MEIS / LA VOZ

PONTEVEDRA

O centro de acollida da Deputación pon en marcha unha nova campaña a través das redes sociais

02 feb 2020 . Actualizado ás 20:16 h.

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis dentro da campaña «Esteriliza, adopta», que puxo en marcha co fin de promover a adopción dos animais acollidos no centro provincial (CAAN). Vinte e sete cans atoparon unha familia o pasado xaneiro e o obxectivo é seguir aumentado esta estatística mediante iniciativas como «Abraza un CAAN», que se estreou a semana pasada coa visita de varios deputados ás instalacións de Armenteira (Meis).

Iria Lamas e Manuel González foron os primeiros en facerse unha fotografía abrazando a cans que un día foron abandonados e que hoxe, grazas ao servizo de acollida provincial, poden ter unha nova oportunidade. É o caso de Salgo, que foi rescatado en Pazos de Borbén con sarna e con infeccións e cuxo propietario foi denunciado por abandono. Hoxe está xa en casa do seu novo dono, Juan Carlos Álvarez, e na Deputación agardan que outros moitos sigan o seu camiño. As redes sociais poden ser un bo aliado. A través do hashtag #abrazauncaan, circularán en Internet historias como as de Salgo, nunha «campaña de sensibilidade e moi emocional», segundo explicou a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva.

Darlle visibilidade a estes animais é importante na batalla contra o abandono, pero a educación non o é menos, de maneira que a CAAN pronto habilitará un espazo para que os nenos poidan interactuar cos cans, sen reixas polo medio.