Expropiación ou canon, as vías que estuda o Sergas para a parcela de Montecelo

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

28 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Sanidade respondeu onte á solicitude cursada pola Comunidade de Montes de Mourente, en Pontevedra, como propietaria dos terreos que ocupa o actual Hospital Montecelo. Desde o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña afirmaron, a preguntas de La Voz, que a disputa sobre a titularidade dos terreos non se expuxo «en ningún momento co Sergas ou coa Xunta», senón coa Tesourería da Seguridade Social, que foi quen transferiu os dereitos á comunidade autónoma.

Desde Sanidade fan fincapé en que foi a Tesourería Xeral da Seguridade Social, dependente do Goberno de España, quen decidiu que se resolvese xudicialmente a situación «en lugar de formular unha negociación cos comuneiros».

Os comuneiros de Mourente fixeron público o pasado domingo que solicitaran á Consellería de Sanidade a apertura dun proceso de negociación con eles para regularizar a situación legal da parcela do hospital e que se poida garantir o seu funcionamento futuro.

Un mes de prazo

A entidade que preside Xosé Carlos Morgade Martínez daba un ultimato á Xunta, asegurando que de non abrirse esa mesa de negociación entre as partes nun prazo dun mes, acudiría aos tribunais para reclamar a execución da sentenza. Refírese á resolución firme do Tribunal Supremo do 31 de xullo do 2018, que recoñeceu á Comunidade de Montes de Mourente como propietaria dos terreos, co mandato da súa inscrición no Rexistro da Propiedade.

Que responde agora Sanidade? O departamento da Xunta expuxo que, unha vez que a sentenza é firme, houbo unha reunión cos comuneiros, «barallando cales son as opcións e se lles plantexou a expropiación e outra vía establecendo un canon». Desde a consellería afirmaron que o Sergas «está traballando para artellar a fórmula axeitada para chegar a un acordo á maior brevidade posible».

Os comuneiros lembran, pola súa banda, que desde hai un ano e medio o Sergas ocupa os terreos «sen título lexítimo de propiedade ou dereito de ocupación».