O Ravachol ten que conter unhas semanas a celebración do ascenso a División de Honra

Nieves D. Amil
Neves D. Amil PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

cedida

27 ene 2020 . Actualizado ás 16:40 h.

O Ravachol terá que agardar unhas semanas para saber se o que gañou na pista confirmarallo a asesoría xurídica da Federación Española de Bádminton. Esta é unha historia rocambolesca que hai que contala desde o principio. O equipo pontevedrés está en Primeira División e despois dun campeoanto impecable que pecharon esta fin de semana con tres vitorias na última xornada disputada en Xixón, chegan as dúbidas.

Con estes resultados, o equipo pontevedrés finaliza a liga en segundo lugar, cun balance de 13 vitorias e unha derrota, a sufrida ante o equipo campión, o Oviedo B. E é aí, en quen leva o título, onde radica a complexidade deste ascenso. Ao ser un filial non pode compartir categoría co primeiro equipo, pero a normativa non é clara nesa situación, así que será a asesoría xurídica da federación a que determine como se fará.

O director deportivo do Ravachol, Jesús Pereiro, recoñece que «a tranquilidade é absoluta, xa que estamos convencidos de que a praza en División de Honra correspóndenos ». Agora agardan saber como. O primeiro clasificado ten o ascenso directo e o segundo tería que xogar o play off co sétimo da División de Honra, neste caso o Alacante. Como o Oviedo B é o primeiro, non podería clasificarse e correría un posto o ascensos directo. Con todo, desde a federación suxeriron a posibilidade de que se xogue igual ese play off entre o Alacante e o Ravachol, aínda que os pontevedreses teñan o ascenso asegurado. «Se gañamos, ascendemos e baixaría o Alacante, pero se perdemos, tamén subiriamos a División de Honra porque queda vacante a praza do Oviedo B», subliña Jesús Pereiro, que agarda que se resolva canto antes. «Non está nada clara a normativa e aínda están pendentes da deste ano, pero xa lles dixen que a metade de partida non se poden cambiar as normas». Tanto o Alacante como o Ravachol están a intentar non xogar o play off en marzo. Suporía un gasto «innecesario sabendo cal vai ser o resultado».

Ao segundo posto na clasificación súmase a segunda posición de Manuel Brea na loita por ser o mellor xogador de Primeira Nacional. Disputou 28 dos 30 partidos, cunha porcentaxe de vitorias do 93,33%. Tres postos máis abaixo, no quinto, está o capitán Alejandro Nogueira, mentres en categoría feminina, Ana Carbón queda na sexta posición de ránking nacional da liga.