O Concello destina cen mil euros ao estudo sobre o transporte a demanda

Serxio Barral Álvarez
Serxio barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

O documento incluirá unha análise sobre a mobilidade no rural pontevedrés

22 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Pontevedra pagará ata 102.850 pola elaboración do estudo previo e proposta de explotación do transporte a demanda que se quere implantar no rural. O concelleiro de Transporte, Demetrio Gómez (BNG), deu conta onte na comisión municipal de Mobilidade de que o prego para contratar este traballo publicarase nos próximos días.

A empresa que resulte adxudicataria terá un ano para presentar o seu informe, que haberá de incluír varios aspectos. Como un estudo pormenorizado da mobilidade no rural pontevedrés, tanto peonil e ciclista como en vehículo público ou privado. «Vaise a estudar a mobilidade perimetral e a súa relación có ámbito urbano», explicou o concelleiro. Para iso realizaranse máis de 2.500 entrevistas a posibles usuarios do transporte.

Tamén será obxecto do estudo a análise de alternativas viables para prestar o servizo de transporte a demanda, desde o punto de vista técnico, económico, ambiental e legal. Así como unha proposta de explotación e a análise do contexto administrativo e normativo tanto desde o punto de vista local como autonómico, estatal e mesmo europeo.