CAPOTILLO

O goberno BNG-PSOE afronta este recentemente estreado 2020 co maior orzamento municipal e mirando de esguello o que poida caerlle de Madrid e de Santiago

19 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O refrán di que «ano de neves, ano de bens». Pensar en nevadas nas Rías Baixas parece desatinado a pesar de tanta borrasca, bautizada ou non, que circula por aquí. Pero a recado 2020 si que vai resultar un ano de bens para aqueles concellos que saiban moverse e reclamar as «neves» en forma de diñeiro público ás administracións de maior rango para que boten unha man. Porque 2020 é ano electoral en Galicia o que supón que a Xunta de Alberto Núñez Feijoo terá que abrir o puño. E doutro lado aqueles concellos con gabinetes do PSOE ou participados por concelleiros socialistas, agardan que se note» o Goberno de Pedro Sánchez nos primeiros meses de lexislatura.

Á cidade de Pontevedra cúmprenselle ambas as premisas. Feijoo ten proxectos en execución que lle obrigan con esta capital. Gran Montecelo é o paradigma. Máxime se volve ser o póster electoral do PP por esta provincia. E en canto a Moncloa , a cota socialista no goberno do Concello e o indubidable peso de Fernández Lores no BNG dado o acordo que asinaron Bloque e PSOE sobre a «axenda galega», deberían traducirse en feitos e euros.

Boas vibracións

Ademais, a Boa Vila terá unha vantaxe máis, importante: acometerá o exercicio co orzamento municipal máis alto de toda a historia da cidade, 79,3 millóns de euros dos que 13 millóns irán destinados a investimento conforme o proxecto orzamentario presentado o venres.

A diferenza dos catro anos anteriores, a aprobación do Orzamento Municipal 2020 semella sencillísima. Lores non terá necesidade de persuadir a outros concelleiros como ocorreu con Marea Pontevedra ou mesmo co PSOE gañando a súa abstención a cambio de certas cesións, máis virtuais que materiais. Agora os socialistas son parte do goberno e a coalición garante a aritmética necesaria.

Este trámite da negociación, presentación e aprobación do Orzamento supón para calquera goberno de coalición unha proba do algodón. Máxime cando BNG e PSOE levaban un tempo desentrenados das reviravoltas da cohabitación. No entanto, transcende a sensación de que se respira bo rolo. Así se visibilizó o venres no talante mostrado polos comparecentes. Para presentar o orzamento saíron xuntos Miguel Fernández Lores e Tino Fernández, unha circunstancia que non se repetiu desde que asinaron o pacto de goberno. As declaracións de ambos non evidenciaron dúbidas senón que foron unha profesión de fe nas posibilidades deste bipartito.

Números son amores

Máis aló das palabras, tamén falan os feitos. Neste caso, os números. A partida de investimentos contempla un gasto importante nalgunhas áreas de goberno que dependen directamente de concelleiros socialistas. Tendo en conta que o PSOE é o 27% do goberno municipal cos seus catro concelleiros.

Destaca a chiscadela ao propio Tino Fernández do que dependen as instalacións deportivas, cos 200.000 euros que se orzan para arrincar o complicadísimo proxecto do complexo deportivo da Parda, unha ambición que persegue o tenente de alcalde desde hai anos. Pero aínda é de maior contía a partida que manexará outro concelleiro socialista, Iván Pontes quen disporá de algo máis dun millón de euros do Orzamento para zonas verdes, xardíns e parques infantís, case empatando cos máis de 900.000 euros do edil nacionalista Alberto Oubiña que acometerá con esa contía os parques forestais da Fracha e do Tomba.

Ben é certo que os números «gordos» en investimentos volven ser para as obras de reforma urbana e accesibilidade que importarán un total de case 3 millóns de euros entre o ámbito urbano e o rural que manexará maiormente o 73% do gabinete, é dicir, o Bloque.

Loureiro Crespo e Mollavao

Outra parte dos investimentos destinarase a grandes emprendimientos participados polo Concello que colabora coa Xunta de Galicia contribuíndo ao Gran Montecelo con millón e medio de euros e á intermodal arranxando a contorna da estación de autobuses coa achega doutro millón. Aínda que ambos son proxectos de execución lenta, máis no caso do complexo hospitalario.

En canto ao capítulo de materias pendentes, este goberno volve deixar para setembro» ao barrio de Mollavao. Haberá outro lixeiro avance con 210.000 euros consignados este ano que se suman aos 250.000 do ano pasado. Pero son pouco máis do 10% do monto total do proxecto que César Mosquera presentara en 2017. O Concello se parapeta en que Costas lles ten condicionada a actuación e que por iso vai pondo os cuartos a contagotas. Aínda que os veciños do barrio seguirán persuadidos de que o gabinete de Lores tenlles castigados, máis agora que o xefe da oposición municipal é un novo residente do barrio.

Mellor sorte para os veciños de Loureiro Crespo. Esta obra acometerase de inmediato, tendo en conta que se acaba de adxudicar o contrato a Covsa por 2 millóns de euros que se financiarán con remanente de tesourería de 2019. Coas melloras introducidas polo contratista (que reformará seis cales máis adxacentes á principal) o cambio de imaxe nunha das vías de entrada á cidade vai ser abismal.