«É aconsellable a vacúa antirrábica polo menos en cans, gatos e hurones»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Alberto Silva Torres ve necesario revisar as estratexias de prevención pola mobilidade de persoas e animais e o cambio climático

18 ene 2020 . Actualizado ás 16:01 h.

Alberto Silva Torres (Pontevedra, 1967) é o presidente da Asociación Empresarial Veterinaria de Galicia (Ceve Galicia). O propietario da Clínica Mourente e outros compañeiros de directiva acaban de trasladar á Xunta a necesidade da vacinación antirrábica obrigatoria.

-Cantos socios forman parte de Ceve Galicia?

-A asociación leva constituída algo máis dun ano aínda que a xestación vén de tempo atrás porque entre nós non había a percepción de sector económico. Non foi un camiño doado, pero constituímonos e eu saín presidente da primeira xunta directiva. A finais de febreiro celebraremos unha asemblea e abriremos un proceso electoral. Somos 45 empresas asociadas, fundamentalmente do ámbito clínico.

-O 15 de xaneiro sentáronse coa Xunta para expor estratexias de prevención das enfermidades que os animais poden transmitir a persoas. Por que agora?

-É necesario aplicar xa o que é unha corrente en todo o mundo sanitario, o concepto one health, unha saúde, que o veterinario ten que pasar a ser un actor decisivo precisamente pola cantidade de zoonosis, de enfermidades transmisibles de animais a persoas e que teñen un potencial que ás veces escapa aos protocolos habituais, a pesar de que a Administración ten os seus mecanismos de vixilancia. Tal e como evolucionou todo é necesario revisar e darlle outro enfoque.

-En concreto, piden que se recupere a obrigatoriedade da vacina antirrábica en Galicia.

-O aconsellable sería en cans, gatos e hurones. É unha enfermidade infecciosa, vírica e está suxeita a evolucións temporais e outros factores que afectan á propagación do virus. Igual que cando se deu por extinguida a rabia en España e optouse por suprimir a obrigatoriedade nalgunhas comunidades, o certo é que a día de hoxe só somos tres as comunidades onde non é obrigatoria, que serían Galicia, País Vasco e Cataluña, e Asturias cunha lexislación intermedia na que só é obrigatoria para cans potencialmente perigosos. No resto do territorio nacional e toda Europa a vacinación antirrábica está instaurada.

-Cando se suprimiu a obrigatoriedade en Galicia?

-En 1978 declarouse a erradicación, en Galicia non se rexistrou ningún caso desde o 62. En 1994 a comunidade declarouse libre de rabia e suprimiuse esa obrigatoriedade.

-Que motiva agora a vacinación antirrábica obrigatoria?

-Falamos de enfermidades cuxa distribución xeográfica depende da presenza de determinados animais e da súa capacidade para moverse. Os criterios técnicos que soportaban a non obrigatoriedade a día de hoxe non se poden considerar vixentes desde un punto de vista científico. Un illamento xeográfico non é aplicable porque o movemento de persoas e animais é inmenso e intensifícase.

-Que países teñen máis risco?

-Para España e para Galicia, Marrocos e África. En Ceuta e Melilla, cidades autónomas, aínda estes días acábase de declarar un positivo por rabia nun can en Melilla. Outro aspecto importante é a chegada masiva de cachorros de países do Leste, nos que se seguen dando casos positivos de rabia con certa frecuencia e mesmo con carácter endémico, como é o caso de Ucraína, desde onde chegan a España vía importación cachorros para a súa venda como animal de compaña. É un movemento de animais cuxo control sanitario non é que non exista, pero que en determinadas circunstancias se ve excedido.

-O animal sempre transmite a rabia por mordeduras?

-A mordedura é a vía clásica. A saliva infectada dun animal positivo en contacto con fluídos, como pode ser a saliva humana ou feridas, é suficiente para que haxa contaxio.

«Levamos facendo un labor xorda cos propietarios»

  

O presidente de Ceve Galicia alude ás recomendacións internacionais e opina sobre os campionatos de caza de raposo.

-Como recibiu a Administración a petición da vacinación?

-Fomos capaces de sensibilizar sobre esta necesidade, pero atopámonos con reticencias técnicas que, desde o noso punto de vista, escapan á xustificación científica. Organismos internacionais como a OMS ou a OIE recomendan a vacinación masiva de cans. Estímase que, aínda que se poden escapar cans rueiros que non están baixo control, cunha cobertura do 70 % de poboación canina conséguense uns estándares inmunitarios coherentes e razoables para loitar contra a propagación da enfermidade. Aquí isto rompeuse.

-Se finalmente a Xunta accedese, quen financiaría a vacina?

-En ningunha comunidade autónoma nin país é unha vacinación que estea soportada pola Administración. Por unha razón, o factor de tenencia responsable. Concepto no que se debe profundar, teño un animal de compaña, forma parte da familia, teño unha responsabilidade sobre o seu benestar e ademais social. E hai medidas que teño que asumir.

-Non habería reticencias nos propietarios de animais?

-Os veterinarios levamos facendo un labor xorda pero recomendamos a vacinación antirrábica nas nosas clínicas. Os propietarios de animais saben que o noso papel é garantir o maior benestar aos animais, non facelo sería unha irresponsabilidade. E creemos que esa obrigatoriedade, lonxe de provocar reticencia no propietario, sería recibida como un factor de protección. Como asociación empresarial tamén estamos moi comprometidos coa saúde laboral dos nosos traballadores porque é o persoal máis exposto.

-Que opina sobre os campionatos de caza de raposo?

-A título persoal, é un debate que leva anos na sociedade e é necesario afrontar cos expertos. Ata onde a caza pode ser un factor de equilibrio ecolóxico e ata onde pode ser defendida como un deporte. Como veterinarios nos preocupa calquera actividade que atente contra o benestar de calquera animal.