Carlos Pouso: «As prioridades nas fichaxes son as mesmas»

a. davila PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

Ao adestrador do Pontevedra non se lle alteran os plans pola saída de Mejía

18 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Na véspera dun derbi de rivalidade contra o Rácing de Ferrol, o mercado de fichaxes é o que copa o protagonismo no Pontevedra CF. Consumido xa máis da metade do tempo dispoñible para fichar, o único movemento dentro do persoal granate foi a saída de Alfredo Mejía ao Leviadakos da segunda división grega.

A pesar desta baixa inesperada para o técnico, Carlos Pouso segue tendo as cousas moi claras en canto a materia de fichaxes: «As prioridades nas fichaxes son as mesmas. Temos xente no medio para xogar como xogamos nós. Se logo hai posibilidade de traer a alguén máis, que mesmo pode ser Sub23, pois moi ben. Esta vacante non era prioritaria, coa saída hase convertido nunha necesidade, pero entre o prioritario e o necesario hai unha pequena diferenza para min».

O adestrador do Pontevedra referiuse á saída de Mejía como un acto de «humanidade», facilitando a marcha do hondureño ao soster que é un futbolista estranxeiro cunha familia que manter e no fútbol grego vai gañar «tres veces máis».

En canto aos diferentes rumores e nomes que saíu estes días, Pouso quixo descartar a un deles; o defensor do Logroñés Jaime Paredes. «Nin mo ofreceron, nin se me pasa pola cabeza que o Logroñés prescinda del. Non porque sexa mal xogador, que non o é, senón porque se hai equipos aos que non vou tocar nunca son aos que xa estiven antes. Non existe oferta por Jaime Paredes, aínda que é unha posición na que nos podería encaixar».

Pouso falou tamén da posible saída de Rivera, asegurando que non falou con el persoalmente pero si o fixo xa coa dirección deportiva . Nese sentido o preparador vasco deixou claro que «comigo o que non queira estar, non vai estar», en referencia á solicitude do canteirán de ter minutos noutro club.

Rácing de Ferrol

No puramente deportivo, o equipo ten mañá un importante partido contra o Rácing de Ferrol, outro aspirante ao play off que se atopa nestes momentos en horas baixas igual que os granates.

A pesar de todo, Pouso valorou positivamente ao seu rival de mañá: «É un bo equipo, con moitísima experiencia e xogadores determinantes e golosos para calquera club de Segunda B. Non é só Joselu, ao redor de Joselu tamén ten moi bo equipo».

Doutra banda o vasco non quere oír falar de desquites a pesar da avultada derrota da Malata na primeira volta. «Para min é un partido máis. Eu tómomos todos coma se fosen o último. O ánimo do desquite é de comportamentos mafiosos, no fútbol hai que saír a gañar sempre. Se queres, cun pouco máis de énfase porque é un derbi, pero sen moita historia máis», concluíu Pouso.