«Moitos rapaces preguntan que hai que estudar para ser deputado»

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Exparlamentarios contan que aprenden nas charlas con alumnos e se botan de menos a política activa

16 ene 2020 . Actualizado ás 19:12 h.

Salomé Álvarez Blanco , Paula Janza Muñiz e Xulio Pardellas de Blas teñen en común que foron deputados no Parlamento de Galicia e levan anos afastados da primeira liña política. Os tres comparten directiva na Asociación de Exparlamentarios e coinciden bastante a miúdo en chárlalas coloquio que se organizan desde o 2011 en colexios e institutos da comarca. Este mércores tocaba visitar Os Salgueiros de Pontevedra e unha bronquite impediu a Salomé Álvarez, deputada do BNG en dúas lexislaturas, estar presente. Si o fixeron Paula Janza e Xulio Pardellas, parlamentarios durante unha lexislatura polo PP e o PSdeG, respectivamente.

Botan de menos a política?, pregúntaselles. Salomé é a única que non. «Non, en absoluto. Foi unha experiencia estupenda, pero para unha etapa da vida. Agora estou mellor seguíndoa dende fóra», comenta. Os seus compañeiros si estrañan eses anos. «Á miña idade xa non, pero foi un período moi gratificante. Se puidese retroceder, volvería», conta Xulio, que no seu día non repetiu lexislatura porque tiña unha situación laboral «non estabilizada, e iso era o primeiro». Paula, que se retirou no 2006 e agora dedícase ao seu traballo e a súa familia, si que a bota de menos. «Moito. É inherente á personalidade de cada un. Eu marchei a desgana», admite. Gustaríalle volver algún día? «As opcións políticas que encaixan co meu xeito de pensar non creo que me queiran», afirma. A pesar de que defenderon e teñen ideas políticas distintas, manteñen unha relación moi cordial. Salomé e Paula si coincidiron no Hórreo na lexislatura 2002-2005, mentres que Xulio foi parlamentario moito antes, de 1985 a 1989. «Non sempre imos os mesmos ás charlas, pero é certo que aquí na comarca coincidimos bastante, pois somos os que estamos máis preto», apunta Salomé.

Aos tres gústalles facer pedagoxía parlamentaria con alumnos de secundaria e bacharelato. Xulio, que foi profesor, está encantado. «É moi positivo para eles, e nós tamén aprendemos». E tira de anécdota dunha charla recente no colexio SEK-Atlántico. «Preguntaron como empezamos en política. Eu dixen que nos 70, e que correra diante dos grises. E un rapaz de 14 anos preguntoume que era iso dos grises».

Paula nunca quedou sen resposta e sinala que hai cuestións recorrentes: «Moitos rapaces preguntan que hai que estudar para ser deputado. Neses casos hai que incidir en que a formación é moi importante, e que ser deputado é unha dedicación, non unha profesión». Coincide Xulio, que recalca que sempre lles traslada que «a política ten que ser un período da vida». «Defendo que unha maioría dos cidadáns deberían probar e pasar por un cargo, porque é unha experiencia valiosa para un mesmo ao pensar no conxunto da sociedade».

Inevitable é coñecer a súa opinión sobre o novo Goberno de España. Ningún rehúsa a pregunta. Salomé veo con esperanza de avances «na defensa das liberdades, na política social, no emprego e na melloría da situación das clases máis desfavorecidas». Ese voto de confianza tamén llo dá Xulio, que recomenda a ese primeiro goberno de coalición que liquide as dificultades bolineando, en alusión ao zigzag da navegación a vela. «Por agora véxoo con expectación, non me parece mal. Non son a miña opción, pero é o Goberno que quixeron a maioría dos españois», sostén Paula.