Sanxenxo recadou 26.189 euros o ano pasado por botellón

Marcos Gago Otero
Marcos Gago SANXENXO / LA VOZ

PONTEVEDRA

emilio moldes

O Concello solicitou un total de 382.563 euros por multas da Policía Local no 2019

16 ene 2020 . Actualizado ás 20:08 h.

Man dura contra o botellón e os comportamentos incívicos, tanto ao volante dun coche como na praza pública. Á política de tolerancia cero de Sanxenxo contra este tipo de condutas censurables pódeselle pór cifras, grazas ao informe da empresa que se encarga do cobro para o Concello das sancións impostas pola Policía Local. O ano pasado a recadación total ascendeu por multas da Policía ascendeu a 382.563 euros.

Desta cifra, 26.189 euros correspóndense coas 114 sancións impostas a persoas por consumir alcol na vía pública. O Concello quere pór fin á secuela do botellón e se non quere facer caso polas boas ás ordenanzas municipais, entón o infractor terallas que ver coa multa.

Outros 540 expedientes sancionadoras saldáronse con 46.208 euros, por exceso de ruídos, venda de alcol a menores, vehículos abandonados na vía pública ou no monte, comportamentos incívicos, ouriñar na rúa ou nas prazas e cuestións polo estilo. Coa nova ordenanza de convivencia o custo de desobedecer as mínimas regras de comportamento entre veciños e visitantes implicará un endurecemento da contía económica a desembolsar. O Concello confía en que os infractores llo pensen dúas veces. Así mesmo, 165 sancións por incumprimento dos horarios de peche de locais de lecer repercutiu no ingreso nas arcas municipais de algo máis de cinco mil euros.

Para rematar, os restantes 305.078 euros correspóndense a preto de tres mil expedientes por conceptos moi variados. A maior parte destas multas debéronse a estacionamentos en zonas prohibidas e zonas amarelas, pero tamén se encadran neste capítulo infraccións como circular por dirección prohibida, non respectar os sinais, condución temeraria, alcoholemias e ir ao volante usando o teléfono móbil.