Lores quere fío directo con Moncloa

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, agarda que con Pedro Sánchez se restitúa o diálogo institucional que se crebou na etapa de Mariano Rajoy

12 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Mentres hoxe o presidente Pedro Sánchez cumpre co trámite de informar ao Rey da composición do primeiro goberno de coalición na recente historia democrática española, xa sabemos que teremos un par de cadeiras do consello de ministros cubertas por dúas galegas con vínculos pontevedreses. Unha delas a ferrolá Yolanda Díaz, elixida deputada pola provincia de Pontevedra, quen se estreará no desempeño do Ministerio de Traballo. Por certo: vista con certa perspectiva, a manobra electoral da formación morada de volver colocar a Yolanda como cartel en Pontevedra nos comicios do 10N -como fixeron tamén o 28-A- para garantir a súa elección e evitar chocar con Antón Gómez Reino que foi e saíu elixido pola demarcación coruñesa, foi un acerto que lle cambiou a vida á filla do sindicalista Suso Díaz. Agardemos que agora se acorde dos 80.000 votantes pontevedreses que a levaron a sentarse nun escano do Congreso e finalmente a ser ministra.

A cota galega no gabinete completarase con Nadia Calviño, vicepresidenta para Asuntos Económicos. A economista coruñesa de 51 anos, filla do lalinense José María Calviño, exdirector xeral de RTVE con Felipe González, fortaleceu o seu papel no Goberno despois da súa primeira etapa como ministra de Economía e pasa por ser unha das persoas máis influentes no gabinete.

Mellor que ministros

O xoves, en rolda de prensa en Santiago, Ana Pontón, principal dirixente do BNG dixo que «ter ministros e ministras galegas, ata un presidente del goberno, non é garantía de nada para Galicia», en resposta á presenza de Yolanda Díaz e Nadia Calviño no novo Goberno. A portavoz nacionalista fixo ese razoamento previo para reivindicar que «a auténtica garantía de defensa dos intereses de Galicia é a presenza do BNG no Congreso e o acordo firmado co PSOE, que puxeron sobre a mesa do consello de ministros unha axenda galega». As palabras de Pontón son o sinal evidente do crecido que se sente o BNG neste momento. Aínda que non deberá descoidarse da credibilidade que se xoga ante a cidadanía se Pedro Sánchez lles dá esquinazo.

Nesa «axenda galega», Pontevedra ocupa varias liñas con asuntos de notabilísima importancia para esta cidade: peaxes da AP-9; proxecto do nó de bombeiros; a retirada de Elnosa e o futuro de Ence, como xa analizamos nesta mesma contraportada hai unha semana.

Miguel Anxo Fernández Lores tardou poucas horas despois de que Pedro Sánchez prometese o cargo ante Felipe VI para felicitarlle e solicitar unha entrevista.

O xesto non é novo, pois Lores acostumou facelo tanto co titular da Xunta como con quen ocuparon a Moncloa nestes últimos vinte anos. Pero foi unha sucesión de claroscuros. Mentres que con Núñez Feijoo as relacións melloraron ata ser fluídas e cordiais, con Mariano Rajoy foron difíciles e logo da prórroga de Ence, sinxelamente, imposibles. Como lembrou esta semana o meu compañeiro Serxio Barral nestas mesmas páxinas de La Voz, desde que Rajoy chegou a Moncloa, en 2012, o alcalde da súa cidade invitoulle formalmente a facer unha visita oficial da que Mariano Rajoy sempre escabulló. Era público que entre ambos non había química algunha, pero esas cousas en política disimúlanse e sopórtanse. Pero non se deu. Máis ben ao contrario: a prórroga por 65 anos para que Ence seguise en Lourizán, que outorgou o goberno en funcións de Rajoy en 2016, tensou a relación.

As poucas pontes que puidesen quedar saltaron polo aire co acordo da corporación municipal -cos votos de BNG, PSOE e Marea- de declarar «persoa non grata» a Mariano Rajoy Brey. Para o repudiado e o seu partido foi unha afronta que non esquecen.

Oportunidade

Agora, o goberno municipal bipartito de Pontevedra sabe que está ante unha oportunidade singular. Aínda que se perciba con diferentes sensibilidades. Tino Fernández, líder dos socialistas da capital apuntou como obxectivo máis realista manter unha «boa interlocución» con varios ministerios que atendan as demandas da «axenda pontevedresa», en lugar de empeñarse en que Sánchez reciba a Lores entre miles de peticións de audiencia en Moncloa. O vicealcalde e portavoz socialista dixo entender «que os compañeiros do BNG necesiten visibilidade e apuntarse tantos pero a procura de solucións para a AP-9 xa estaba na axenda do PSOE antes asinar o acordo co Bloque, exactamente igual que Ence e outros temas». No entanto Tino Fernández perdoa ao socio de goberno local pois entende «que necesiten vender o que fan».

Para o Partido Popular local tamén o novo Goberno da nación é unha oportunidade. No seu caso, de buscarlle as cóxegas ao gabinete coaligado municipal apuntando á liña de flotación da nave. Así se deduce cando Rafa Domínguez lle pide ao bipartito que insten a gratuidade da peaxe da AP-9 en Curro para mellorar as comunicacións de Pontevedra co Salnés. O xefe da oposición, case ninguneando ao PSOE, xustificábao ao dicir «creo que agora o BNG e Lores teñen forza para esixilo», segundo alegou pícaramente para anunciar a moción que o PP meterá no pleno que a corporación municipal celebrará neste mes de xaneiro.