«A sobrecarga pon en risco a saúde», din os médicos de primaria

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

C.E.

Os facultativos manterán as concentracións simbólicas nos centros

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras a folga en atención primaria dos días 27 e 28 de novembro en Galicia, os médicos de familia e pediatras da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés retomaron onte as concentracións simbólicas dos xoves ás portas dos centros de saúde. Algo que levan facendo moitos meses e que van manter. Ata cando? Desde a Asemblea de Áreas Sanitarias (AAS) de Pontevedra din que seguirán coas protestas ata que a Administración sanitaria lles faga caso na súa batalla por dignificar o primeiro elo da sanidade pública.

Xoán Carlos Eirea, facultativo de familia en Bueu e un dos portavoces da AAS, resumíao así. «Agora como Feijoo di que toma as decisións seguindo o que lle din os médicos -en alusión ao controvertido peche de paritorio de Verín, en Ourense- veremos se escoita o que dicimos centos ou miles de médicos de primaria». Para a AAS a postura do presidente da Xunta é de «dobre moral». Sostén que cando lle interesa utiliza aos médicos para xustificar decisións políticas e cando non lle interesa «non nos fai ningún caso, a pesar de que a sobrecarga pon en risco a saúde das persoas», remacha.

A esa sobrecarga asistencial que impide, segundo os facultativos, atender ben aos pacientes e promover a educación en saúde agárranse os médicos para manter as protestas. A folga tiña dous obxectivos principais: dispor de tempo para atender aos seus pacientes, limitando para iso o número de citas a 30 por día; e conseguir unha atención homoxénea en todas as áreas sanitarias, algo que a día de hoxe aseguran que non sucede. Esa atención homoxénea inclúe que se garanta a derivación de presenza física a todos os servizos hospitalarios; teleconsulta e resposta en menos de sete días; e acceso a todas as probas diagnósticas.

A pesar das medidas contempladas no Plan Galego de Atención Primaria, os médicos da área sosteñen que pouco ou nada cambiou no seu día a día. Ao exceso de pacientes, con axendas que en moitos casos superan as 60 citas, súmase a non cobertura das ausencias. Esa é outra das reivindicacións da folga: a oferta e convocatoria das vacantes de todas as categorías mediante ope e a cobertura do 100 % das ausencias de todas as categorías. Estrutura e orzamento pechan as demandas dos facultativos. Reclaman unha xerencia de atención primaria e un orzamento específico e propio ata acadar o 25 % cun incremento mínimo anual de 3 puntos porcentuais.