Ence reafirma o seu compromiso coa súa fábrica de Pontevedra

Marcos Gago Otero
Marcos Gago PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A compaña defenderá «ata as últimas instancias» a continuidade da factoría en Lourizán

05 dic 2019 . Actualizado ás 19:52 h.

A empresa Ence reiterou este xoves o seu compromiso coa defensa da prórroga da concesión da súa fábrica de Lourizán. A compaña sae así ao paso da valoración realizada pola axencia de rating Moody's que nun recente informe considra que a empresa podería compensar o impacto dun hipotético peche da súa planta pontevedresa co negocio da enerxía renovable.

«Ence respecta a valoración efectuada por Moody's», sinala a compaña nun comunicado, pero engade que «tal e como anunciou na súa xunta xeral de accionistas no mes de marzo, a empresa defenderá a concesión da planta ata as últimas instancias en interese dos seus traballadores, provedores e das máis de cinco mil familias que dependen do seu funcionamento». Neste sentido, lembrou que a actividade industrial de Ence «réxese polos máis alto estándares de responsabilidade ambiental» e que «os parámetros da biofábrica melloran, amplamente, as máis esixentes normas e autorizacións ambientais europeas e españolas».

Por esta razón, a pasteira recalcou que a súa fábrica pontevedresa «conta coa etiqueta ecolóxica Nordic Swan», o distintivo oficial dos países nórdicos, «por cumprir cos máis esixentes criterios de respecto ambiental». Ademais, no 2015, a Comisión Europea concedeu a distinción de ouro á fábrica de Ence en Lourizán «en recoñecemento á súa mellora ambiental nos últimos quince anos».

Desde a pasteira sinalan que como proba da calidade ambiental da súa fábrica hai que destacar que na contorna inmediata do recinto fabril hai importantes bancos marisqueiros e que na ría hai preto do ámbito da fábrica cinco praias con bandeira azul: Cabeceira, en Poio; e Portocelo, Mogor, Aguete e O Santo, en Marín.