A Xunta asina o contrato por 13 millóns para melloras na depuradora

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, formalizou onte o contrato para executar as obras de mellora da estación depuradora de augas residuais dos Praceres, por un importe de preto de 13 millóns de euros. Os traballos serán executados pola UTE Acciona Construción e Acciona Auga, que dispón dun prazo de tres meses para a redacción do proxecto e de doce para a súa execución, ademais doutros doce para a posta en marcha dos novos tratamentos.

A actuación, cofinanciada pola UE, que achega o 80 % dos fondos permitirá, apúntase desde a Xunta, «mellorar substancialmente a depuración das augas residuais dos concellos de Marín, Poio, Pontevedra e Vilaboa, co obxectivo de cumprir os límites de vertido marcados pola normativa europea».

A intervención contempla a remodelación do tratamento secundario existente, e completarase coa construción dun novo emisario submarino, licitado por máis de 12 millóns de euros e cuxa adxudicación se prevé para o primeiro trimestre do 2020.