«Decatámonos polo DOG da aprobación definitiva», din os expropiados de Montecelo

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

A resolución implica a declaración de urxente ocupación

06 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes unha resolución da Consellería de Sanidade pola que se acorda a aprobación definitiva do proxecto de expropiación de terreos para a ampliación do Hospital Montecelo de Pontevedra, o chamado Gran Montecelo. Na relación de propietarios e bens afectados figuran terreos, na súa maioría de chan rústico de uso agrícola, aínda que tamén de uso industrial e forestal, varios muros de pedra, cinco vivendas unifamiliares e catro negocios. O custo inicial era de 2,5 millóns de euros.

A aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa implica a declaración de urxencia de ocupación dos bens e dereitos afectados. A resolución tense que notificar, de forma individualizada, a todas as persoas que figuran no expediente coa correspondente folla de valoración. Teñen un prazo de 20 días para alegar ante a Consellería de Sanidade.

Como foi recibido o trámite polos veciños afectados? Meli Aboal, unha das portavoces e propietaria dunha florería, comentou onte a La Voz que se decataron da aprobación definitiva do proxecto de expropiación polo Diario Oficial de Galicia e que nesta semana manterán unha reunión co seu avogado. «Decatámonos polo DOG. De momento non recibimos ningunha notificación. Téñennos que enviar unha carta para ver se hai algunha subida, porque había cousas mal, e outra carta para ver cando temos que irnos», sinalou Meli Aboal.

O pasado 28 de agosto os afectados reuníronse na sede da Consellería de Sanidade en Santiago co director da Axencia Galega de Infraestruturas e a directora xeral de Recursos Económicos do Sergas. Entón expresaron a súa desconformidade coas valoracións das vivendas e negocios ao entender que non reflectían a realidade das mesmas. O compromiso da Administración foi volver visitar as propiedades e realizar unha nova valoración.

«De momento non sabemos se hai algunha subida na valoración. É o que temos que estudar co avogado esta semana. Sinceramente, eu non agardo moito», comentou Meli Aboal.