Cota local na sentenza do «procés»

PONTEVEDRA

Pool

O coñecido maxistrado pontevedrés Luciano Varela foi un dos sete membros do Tribunal Supremo que xulgou e sentenciou aos líderes independentistas

20 oct 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os tribunais, en concreto, unha serie de decisións xudiciais, foron protagonistas da semana. Sobre todo, a sentenza do Supremo sobre o procés que propiciou tantos acontecementos desde o luns 14. Estou seguro que cando baixe o suflé das protestas e se atenace aos violentos, co paso do tempo apreciarase a transcendencia, histórica, da sentenza. Unha resolución que tivo unha destacada cota pontevedresa, tal e como analizarei.

Pero tamén a nivel local tivemos nesta semana tres episodios xurídicos, a cada cal máis noticiable. Refírome ao acordo que evitou outro xuízo -e van uns cantos- a Sinaí Giménez e Os Morones dando a sensación de que continúan regateando condenas maiores. Ou tamén á inesperada tee-comparecencia desde Bolivia dunha testemuña na desaparición do suposto socio de Pelopincho que se viviu o xoves na Audiencia. E, finalmente, ao caso do crime de Ponte Caldelas que estivo marcado de principio a fin polas sombras que sobrevoaron a sala a propósito do triángulo amoroso que se describiu. Este último foi xuízo con xurado, unha modalidade de tribunal que se instaurou en España en 1995, ao aprobarse a lei da que foi artífice un pontevedrés. O mesmo maxistrado que formou parte decisiva do tribunal que acaba de condenar a Oriol Junqueras e demais.

Un xuíz brillante

Luciano Varela Castro é un dos mellores xuíces que tivemos en Pontevedra. Tanto na súa etapa máis local como xuíz de instrución nesta capital; logo como maxistrado da Audiencia Provincial e ata este último servizo como membro do Tribunal Supremo, onde ingresou en 2007 e onde acaba de xubilarse con 72 anos.

Ás veces tan polémico como brillante, cun pronto temible, a súa carreira está balizada de fitos moi destacables. Éxitos e derrotas. A súa primeira proxección pública -e mediática- foi nos 80 cos sumarios que lle abriu ao entón alcalde de Pontevedra, José Rivas Fontán, polos casos dos edificios Palmeiras e Silva. O segundo, foi o do famoso «suborno impropio» do que acusou e polo que procesou ao rexedor pola aceptación do suposto regalo dunha cociña a cambio da licenza de obra concedida. A condena da Audiencia Provincial que inhabilitou a Pepe Rivas foi despois desbaratada no Supremo, ata onde tivo que litigar o ex alcalde para obter esa e algunha outra sentenza absolutoria.

Con todo non sería xusto esquecer que na súa etapa como xuíz de instrución Varela destacou pola axilidade das súas dilixencias, a eficiencia dos procedementos e a calidade das súas sentenzas cunha prosa que destacaba fronte á plomiza redacción de tantos outros.

Foi un profesional comprometido. Foi un dos fundadores da asociación Xuíces para a democracia, de corte progresista, en 1984. Doutra banda, xunto aos seus colegas Barreiro Prado e Alfaya Ocampo e o fiscal Benito Montero, os catro foron autores responsables da primeira sentenza redactada en galego por un tribunal da Audiencia de Pontevedra hai xa 30 anos, como lembra desde xuño unha placa no exterior do palacio xudicial do que nunca chegou a ser presidente. Un dos nuboeiros na biografía deste xuíz é que desde 1989, por tres veces, intentou e nas tres fracasou na súa aspiración de presidir a Audiencia Provincial.

Xurado e Garzón

Luciano Varela sentou cátedra como profesor na Facultade de Dereito da USC e contribuíu a formar a xuíces e fiscais novos -entre eles os seus fillos Xermán e Pablo-. Pero sin duda o que merece unha liña destacable de calquera apuntamento biográfico sobre el é a súa contribución ao corpus legal do noso país como redactor da lei do xurado popular que deu pé á instauración deste modelo de xuízo desde hai 24 anos. Fíxoo por encargo do tamén xuíz e ministro de Xustiza, Juan Alberto Belloch. Foi precisamente Belloch unha das poucas voces dentro do PSOE que saíu en defensa de Varela cando ao maxistrado pontevedrés encargáronlle «un marrón»: que fose o instrutor do auto de procesamiento contra o seu colega Baltasar Garzón pola causa das vítimas do franquismo. A relación, non sinxela entre Varela e Garzón, deu moito que falar e escribir.

A fantasía

Luciano Varela foi un dos sete maxistrados que formou a Sala que xulgou o caso do procés independentista. Aínda que durante as sesións da vista oral, que durou catro meses, teña aparecido nalgunhas imaxes como distante, recostado no seu asento, calquera que o coñeza sabe que non se perdeu detalle.

A súa contribución á elaboración e redacción dos fundamentos xurídicos do fallo parece destilarse en moitos dos parágrafos da argumentación da sentenza que tivo como relatora a Manuel Marchena, presidente do tribunal. Particularmente atribúese ao maxistrado pontevedrés a tese da fantasía que tanto se destacou entre os fundamentos do fallo. É dicir a conclusión de que os líderes do procés sabían que todo era un engano, unha fantasía pois non perseguían realmente declarar a independencia naqueles días de 2017 senón empurrar o goberno doutro pontevedrés, Mariano Rajoy a negociar un referendo de autodeterminación.