Hospitais e centros de saúde agardan positivos por gripe xa en novembro

Cristina Barral Diéguez
cristina barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A campaña de vacinación empeza este luns con 250 puntos na provincia

14 oct 2019 . Actualizado ás 11:14 h.

A vacina antigripal é a ferramenta «máis eficaz que temos» para minimizar as complicacións dun virus de moi doado transmisión entre persoas e que pode ser mortal en poboación de risco. Foi a mensaxe que lanzou este venres a xefa territorial de Sanidade en Pontevedra, Anxos Feijoo-Montenegro, na presentación da campaña do 2019. Haberá once semanas para vacinarse, do 14 de outubro ao 27 de decembro.

A directora de Procesos Asistenciais ou número 2 do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (Chop), Sonia Fernández-Arruty, comentou que a previsión é que a gripe se vai a adiantar este ano. «Agárdanse positivos en novembro, por iso somos a primeira comunidade autónoma en iniciar a campaña», sinalou a doutora, que lembrou que desde que se pon a vacina tárdanse tres semanas en crear os anticorpos.

Unha das novidades deste ano é a inclusión dentro da poboación diana dos prematuros nados con menos de 32 semanas de xestación e que teñan entre 6 meses e 2 anos, e as persoas con trastornos de coagulación. Na provincia haberá 250 puntos de vacinación . A partir da cuarta semana de campaña usarase a «chamada activa» a través do persoal de enfermería dos centros de saúde para aqueles pacientes de entre 65 e 74 anos que non se vacinaron. «O labor que se fai desde enfermería en primaria é impresionante. Cada ano o rexeitamento é menor, igual porque ven que o persoal sanitario tamén se vacúa». Para persoal de enfermería e facultativo, ademais de admisión e alumnos, a campaña xa se iniciou o 7 de outubro. Entre 45 e 50 persoas deste ámbito ponse a dose cada día.

No caso da área sanitaria de Pontevedra agárdase mellorar a cobertura do 2018, que foi do 58,62 % en maiores de 65 anos (moi lonxe aínda do obxectivo do Sergas do 65 %); do 46 % en traballadores sanitarios (o obxectivo amplíase agora ao 50 %); e do 52,22 % en embarazadas (amplíase ao 55 %). Pontevedra foi a provincia galega con menor cobertura, de aí a necesidade de incidir nas mensaxes porque, como di o cartel deste ano, a gripe vai chegar. «Temos que pelexar por chegar á cobertura vacunal de Ourense ou de Lugo», expuxo a número 2 da EOXI.

Tres tipos distintos

Na campaña que arrinca o vindeiro luns empregaranse tres tipos de vacinas. Segundo expuxo a xefa de Sanidade, a vacina tetravalente de cultivo en ovo utilizarase en poboación infantil con patoloxía de base (de 6 meses a 14 anos); unha tetravalente de cultivo celular, que se dirixirá por primeira vez a persoas con factores de risco de 15 a 64 anos e tamén a embarazadas; e unha vacina trivalente adyuvada para maiores de 65 anos ingresados en residencias e que non estean en grupos de maior risco.