Os narcos tiñan 500 quilos de coca a cen metros do cuartel de Marín

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Os veciños foron testemuñas perplexas da detención de varias persoas en Coirados

21 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

As forzas policiais, a Brigada Central de Estupefacientes de Madrid e o Greco Galicia, asestaron o xoves un novo golpe ao narcotráfico. Tal e como confirmou onte o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, aínda que a operación segue aberta, detívose xa a cinco persoas -dixo que dúas foran arrestadas en Vigo e tres en Pontevedra- e incautáronse uns 500 quilos de cocaína, que estaban nunha nave. Ese inmoble sitúase no lugar de Coirados, en Marín, onde os veciños viron como o xoves os axentes detiñan a punta de pistola a varias persoas. O que máis chama a atención é que esta nave, que levantou as sospeitas dos aldeáns pola entrada e saída continua de coches -algúns de alta gama-, sitúase a menos de cen metros do cuartel da Garda Civil.

A zona que foi tomada o xoves pola policía, que contou mesmo con medios aéreos, ten unha especie de portalón que, segundo os veciños, sempre permanece aberto. Dentro hai unha nave grande e outra pegada algo máis pequena. Sempre segundo a versión veciñal, vanse alugando por anacos -mesmo hai algunhas vivendas pegadas a elas-. Os residentes, a pesar de telas a tiro de pedra, non saben con exactitude que tipo de negocios hai no interior e se están en activo ou non. Saben que antes había unha chatarrería, que entran e saen caravanas e que nalgún tempo se almacenaban aí barcos.

Aos residentes na zona, case todos maiores o que máis lle chamaba a atención era o continuo movemento de vehículos. Contábao Manuela, que vive en fronte: «Saían moitos coches, nunca sabes ben que é o que fan». Ela foi unha das veciñas que quedou perplexa o xoves cando se puxo en marcha o operativo policial. «Parecía isto unha verbena de coches de policía, habíaos por todas partes». Ela chegou a ver a varias persoas detidas: «O primeiro saíu coa cabeza para abaixo, pero os outros ían con ela para arriba, ían altaneros. Eu non os coñecía».

 Onte, aínda que a calma volvía xa a Coirados, nalgúns negocios recibiron a visita duns policías que preguntaron se coñecían aos propietarios da nave rexistrada ou a quen actualmente a tiñan alugada. «Pero é que aquí non coñecemos a ninguén», indicaban nunha farmacia que queda próxima á nave verde onde os narcos operaban.