O caso Marcio; un ano desde que o mataron e con quen o fixeron, libres

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Disparáronlle dous policías e achacárono a un erro, pero o fiscal cre que ían por el. Estiveron uns meses no cárcere e quedaron libres á espera de xuízo

11 dic 2019 . Actualizado ás 16:12 h.

Xa hai un ano que unha chamada telefónica cambiou para sempre a vida dunha familia de Ponte Caldelas. Recibiuna unha nai, á que desde Salvador de Baía, no Brasil, contábanlle que o seu fillo, que vivía nesa cidade —á que os pais emigraran no seu día e da que regresaron tempo despois— fora abatido a tiros. Mataran a Marcio Pérez, de 41 anos e con dúas fillas menores de idade. Esa nai emprendeu entón unha viaxe terrible. Horas e máis horas de espera en avións e aeroportos tratando de asimilar, acompañada de familiares, unha noticia imposible de dixerir. Cada cousa que lles dicían soaba máis estraña. A Marcio matoulle a policía militar. Por que? Nas primeiras horas falábase dun erro, mesmo se ameazaba con culpar á vítima de saltarse un control policial na frenética urbe de Salvador de Baía. Pero pronto empezaron a non casar as cousas. E o fiscal do caso falou claro enseguida. Dixo que crecía que os axentes cometeran un homicidio. Un ano despois, estes homes están en liberdade provisional á espera de xuízo.

O 19 de setembro do 2018, Marcio Pérez estaba a piques de chegar a casa en Salvador de Baía. Ía en coche e acompañado dunha muller cando, supostamente, os policías disparáronlle, provocándolle a morte. A versión dos axentes militares, que dixeron que Marcio saltouse un control, pronto fixo augas. Non en balde, eles non levaban as luces acesas do coche nin tiñan sinalizado o suposto operativo que estaban a facer, actuaran fóra da súa zona de patrulla e tampouco lograron explicar por que eran só dous cando o normal alí é que vaian tres policías xuntos.

Así, tras escoitar os seus testemuños, o fiscal do caso dixo que todo apuntaba a un homicidio. Pero, ante a perplexidade da familia e os amigos de Marcio —era moi coñecido e popular na colonia española— eses axentes non foron detidos ata meses máis tarde, cando si lles enviaron a prisión. A situación resultaba escandalosa mesmo para os medios de comunicación da cidade de Salvador de Baía —unha urbe con tres millóns de habitantes e unhas porcentaxes de criminalidade considerables—, que se cansaron de repetir que os policías nin sequera foron apartados do traballo. Prohibíuselles patrullar, pero seguían nas oficinas policiais.

A finais de maio chegou a sorpresa. Rematou a instrución do caso e a Xustiza do Brasil deixou libres á espera do xuízo aos dous policías. O seu defensa alegou que son presos primarios, que teñen dirección fixa e profesión coñecida, así que non facía falta manterlles no cárcere. Desde maio están en liberdade provisional a pesar de que o fiscal se opuxo.

Distintos medios de comunicación do Brasil sinalaban fai uns días que nada se sabe aínda da data do xuízo. O que iso supón para a familia dio sen pelos na lingua o seu tío materno José Antonio Santana: «Eles están tranquilos, gozando da vida, dos seus fillos, se é que os teñen, e facendo o que lles dá a gana mentres lle quitaron a vida ao meu sobriño, que deixou desamparadas a dúas nenas e esnaquizados aos seus pais».

A familia de Marcio, que insiste en que el «non estaba metido en nada raro», segue inclinándose pola hipótese de que se tratou dun crime pasional, algo que tamén apuntaron os investigadores. Suponse, aínda que este extremo nunca foi confirmado, que uno dos axentes implicados podería estar relacionado coa muller que acompañaba a Marcio no vehículo a noite que lle mataron. Ela resultou ilesa. 

A reacción da súa familia

Desde o minuto cero, desde que mataron o seu sobriño, José Antonio Santana, tío materno de Marcio Pérez, insistiu no mesmo: «É importante que os culpables paguen por eles, pero o que máis nos preocupa é a situación na que quedan as súas fillas e a nai destas, desamparadas economicamente». Así que os seus esforzos se centraron en tratar de conseguir algunha axuda para as menores. Tivo entrevistas con responsables da Xunta, viaxou a Brasil, moveuse no consulado. Pero non houbo forma. As dúas orfas seguen sen cobrar ningunha pensión «a pesar de ter matado ao seu pai dous policías do Estado do Brasil», tal e como di o seu tío. Esa situación chea de rabia a José Antonio, que di que son os pais de Marcio os que tratan de axudalas pagando o seguro médico, o colexio ou outros gastos básicos. Esta circunstancia confírmaa Olivia, que foi a muller de Marcio, desde Brasil: «Eu non teño traballo, saímos adiante grazas aos avós das nenas e á miña familia», conta.

Olivia sinala que, un ano despois de morrer o seu pai, as nenas, de 9 e 14 anos, empezan a estar «algo máis tranquilas». Pero di que a traxedia vivida cambiounas: «Desde que asasinaron o seu pai as nenas viven con medo, cambioulles o carácter. Teñen medo de que a min me poida pasar o mesmo. Eran nenas alegres e, sobre todo a maior, encerrouse en si mesma». Olivia, como toda a familia de Marcio, espera con ansia que se xulgue a quen lle dispararon. Pero non hai data para iso.