O Canteira Fest aposta pola música e o feminismo

La Voz

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

A Canteira de Paredes acolle durante esta fin de semana a segunda edición do festival

20 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Canteira Fest chega a Vilaboa con actividades nas que as mulleres son as grandes protagonistas. Coloquios, concertos, exposicións e proxeccións conforman a programación dun festival gratuíto que quere achegar o seu «pequeno grao de area» na loita contra a sociedade machista na que vivimos. «Creemos que hai que facer espazos nos que as artistas femininas poidan mostrar que son igual de válidas cos homes», explica o concelleiro de cultura, Carlos Acuña. Ás 17 horas comezará a programación coa presentación do festival, á que lle seguirá a mesa redonda Estamos ante a terceira onda feminista?, ás 19 horas. Unha hora despois, a música comezará a soar na Canteira de Paredes coas actuacións de Vudú, A Banda dá Loba, Punkiereteiras, Collón de Lola e a DJ Paula de Campo, que animarán o ambiente ata as 3.45 da madrugada. O sábado, as actividades comezarán ás 12, cunha iniciativa sobre microplásticos na Praia Areeiro e un coloquio sobre o papel da o muller no ámbito rural. Ás 16, terá lugar un debate sobre a situación das creadores galegas e a proxección dos curtos «A ningunha parte» e «Na memoria da túa esposa». Entre as 17 e as 20 horas, levará a cabo un taller de autodefensa feminina, e entre as 18 e as 19.30 visionarase o documental «Doli, doli, doli... coas conserveiras». TNT, Os Meninos, Sés, Pelepau, Flow do Toxo e Señora DJ porán a nota musical a esta longa noite, que se estenderá ata as 5.00 da madrugada. Os interesados en acudir ao festival poderán coller autobuses no Arenal de Vigo e a estación de Pontevedra. O custo do traxecto son dous euros e, unha vez comprado, os asistentes recibirán unha pulseira que lles permitirá tomar o bus tantas veces como queiran.