Feixe ben a entrega de tapóns... ou non serve de moito que os gardes

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Por unha bolsa de tapas recádanse 27 céntimos. As  entidades que as recollen avisan de que hai que ter paciencia e acumular moitas nos puntos de recollida ata que poidan ir buscalas. Contámosche que lugares son os máis adecuados para deixalas en Pontevedra

21 sep 2019 . Actualizado ás 14:02 h.

Hai anos que os galegos en xeral e os pontevedreses en particular descubrimos que facendo algo tan doado como gardar os tapóns de plástico podíase axudar moito aos demais. Grazas ao diñeiro que distintas entidades sacaron e sacan coa recollida de tapóns lográronse grandes cousas, como axudar a nenos con necesidades especiais a pagar tratamentos, terapias ou aparellos ortopédicos.

Séguese facendo, por suposto que si. Pero as entidades que se encargan de recoller os plásticos avisan de que, para facer ben a guerra do tapón, para que realmente se saque diñeiro de gardar as tapas, é necesario cumprir algúns requisitos. Aquí contámoschos e explicámosche que lugares son os máis adecuados para deixar os tapóns na cidade pontevedresa. 

Para empezar, as entidades que recollen tapóns, como a Fundación Amigos de Galicia, piden paciencia. Si, paciencia. Por que? Explican que por unha bolsa chea de tapóns recádanse unicamente 27 céntimos. Xa que logo, hai que acumular unha cantidade considerable para que un transporte pase a recollelos. Por iso é polo que pidan ás tendas, oficinas, colexios ou entidades que teñan paciencia e só se brinden a ser punto de recollida se realmente contan cun espazo relativamente grande para acumular os plásticos. Esa mesma paciencia hai que aplicala nos propios fogares. É dicir, mellor acumular unha cantidade grande de tapóns e entregala logo que ir levando aos poucos. 

Outro dos requisitos que debe cumprirse é o de non entregar os tapóns xunto con outros obxectos que non son susceptibles de ser reciclados do mesmo xeito. E é que, aínda que as entidades que os recollen fan labores de selección, é todo moito máis doado se non se atopan con plásticos indebidos. A Fundación Amigos de Galicia, na súa páxina web, ten un documento onde se detallan todos os tapóns que se poden depositar nos puntos. Aí descóbrese que en realidade serven un amplísimo abano de plásticos, por exemplo as tapas dos paquetes de toallitas de bebé, as dos tápers ou as boquillas dos produtos pulverizadores, por citar só tres exemplos. 

O terceiro requisito ten moito que ver coa cidade de Pontevedra. Desde algunhas entidades que recollen tapóns indican que, aínda que hai puntos onde deixar as tapas no centro, é moito máis doado recollelas naqueles sitios que non son zona peonil, xa que así se poden acceder máis doado co transporte. Así que, sempre que se poida, mellor deixalas aí. 

Pero contemos en detalle quen e onde se recollen tapóns en Pontevedra.

Está, por unha banda, a Fundación Amigos de Galicia, que recolle tapóns para facer campañas na que vai axudando a nenos con necesidades especiais. Algunhas veces non se centra nun só pequeno, como cando axudou a Amencer para comprar uns traxes de superheroes (en realidade, uns traxes para practicar unha fisioterapia pioneira en Galicia) que agora usan moitos nenos nas instalacións da citada entidade. Amigos de Galicia ten agora en marcha unha nova campaña para axudar a unha nena ourensá chamada Alexia, un bebé de 25 meses con parálise cerebral á que se lle van a custear unhas sesións de equinoterapia. No caso de Amigos de Galicia, na súa web e a súa Facebook teñen unha longa lista de puntos de recollida. Pero a entidade di que os máis doados para que eles poidan acceder son tres. A Casa Azul (onde preferentemente se poden deixar os tapóns pola mañá), o ximnasio Budo e as oficinas de MRW, estas últimas situadas no polígono industrial do Vao.

 En Pontevedra tamén recolle tapóns Taporelmun, un banco formado por voluntarios que naceu na zona viguesa. Tamén axudan a nenos con necesidades especiais. Dá a coñecer as súas campañas a través do seu muro de Facebook. En Pontevedra, ten distintos puntos de recollida pero o máis representativo é o situado no centro Leste, situado en fronte do colexio Sacro Corazón, no barrio da Parda. 

Así mesmo, na cidade do Lérez hai outra posibilidade máis para doar tapóns. Recólleos a protectora de animais Os Palleiros. Neste caso, e para evitar custos no transporte, pídese que quen poidan leven os tapóns directamente á protectora, situada en Campañó.