Audasa e Naturgy necesitan un escarmento

PONTEVEDRA

A eléctrica molesta a miles de clientes por apagamentos reiterados e a concesionaria da autoestrada AP-9 responde con soberbia á demanda da Fiscalía

21 sep 2019 . Actualizado ás 21:19 h.

Esta semana, dúas empresas concitan o malestar cidadán por razóns parecidas. Tanto Audasa como Naturgy. Ambas prestan servizos básicos para miles de usuarios que empregan a diario a Autoestrada do Atlántico para desprazarse, ou ben a subministración eléctrica para abastecemento de negocios e vivendas. A calidade dos seus servizos dista moito, moitísimo, de ser modelo de excelencia. Non. Non podemos concluílo nin da sucesión de queixas pola carestía das peaxes e prexuízos ocasionados polas obras de ampliación de Rande, no caso da concesionaria da AP-9. Como da reiteración de apagamentos que só na cidade de Pontevedra vimos sufrindo neste verán por parte da eléctrica.

Xa sexa pola acción xudicial en marcha contra Audasa -interposta pola Fiscalía en nome de miles de afectados-; xa polas queixas do Concello de Pontevedra ante Naturgy polos cinco apagamentos sufridos este verán, é de necesidade que ambas as empresas sufran un escarmento para que se lles baixen os fumes.

Porque ambas, fronte ao manifesto malestar de miles de clientes, condúcense cunha indisimulada soberbia, negando as súas deficiencias e prevaliéndose da súa situación. No caso de Audasa, cun negocio multimillonario asegurado por convenio para anos vista; no de Naturgy, polo oligopolio eléctrico, sobrealimentado en Galicia pola cota de mercado que os actuais propietarios herdaron da antiga Unión Fenosa.

Esa displicencia coa que se conducen fronte a miles de cidadáns descontentos ten moito que ver tamén co trato privilexiado que adoitan recibir das administracións públicas que as tutelan. Xa sexa un ministerio ou o Goberno autonómico de quenda. Este tipo de grandes empresas dispoñen, ademais, de ancoraxes, que conseguen fichando para os seus consellos de administración a destacados políticos que cobran zumentas dietas a cambio de compartir o seu know-how.

Audasa saca o cabeiro

Por se alguén tiña dúbidas: Audasa non está por devolver nin un céntimo das peaxes que nos cobrou a miles de usuarios do tramo Pontevedra-Vigo mentres padecemos os atascos e atrasos polas obras de ampliación da ponte de Rande. Lembremos que se lle reclama a Audasa a devolución de máis de 700.000 euros por cobro indebido de peaxes como consecuencia dos prexuízos que ocasionaron as obras.

Fronte á histórica demanda colectiva que presentou a fiscalía de Pontevedra e á que se adheriron asociacións e particulares, a concesionaria sacou o cabeiro.

Imaxino a Juan Carlos Aladro, fiscal xefe de Pontevedra, moi encabuxado co ton e as formas do recurso que presentaron os avogados -seguro que dun bufete renombrado e carísimo- que representan á concesionaria. Os letrados preséntannos a Audasa como unha «vítima». E acusan ao fiscal xefe provincial de facer uns ovos revoltos» cos datos dos días de atascos e número de afectados «manexados torticeramente» para culpabilizar á concesionaria -din os avogados de Audasa-.

O que para o fiscal xefe de Pontevedra foi un cobro abusivo de peaxes durante os tres anos que duraron as obras en Rande, «só foron 14 días de atascos», segundo os avogados da concesionaria que, por amais , considera que «non hai que pagar aos automobilistas atrapados na AP-9 porque sabían onde se metían».

Sen prexulgar o que haxa de ocorrer no xuízo que se siga no Xulgado Mercantil Número 1 de Pontevedra que celebrará unha vista preliminar o próximo 4 de novembro, creo que somos maioría abafadora os que pensamos que a Audasa lle vai facendo moita falta un escarmento que lle baixe os fumes. Sin duda, envalentonada cos sucesivos acordos con gobernos do PSOE e PP que lle permite incrementar prezos ata cobrar principal e intereses das obras de ampliación que sufragou Audasa. Pero que realmente rematamos pagando os usuarios.

Naturgy tampouco devolve

En canto á sucesión de apagamentos eléctricos na cidade de Pontevedra -cinco neste verán- parece unha broma da subministradora para cos clientes da capital da provincia. Abonde dicir que o Concello formulou unha queixa formal ante a propia empresa e ante a Xunta de Galicia -como Administración tutelar- para que lonxe de evitarse, repítanse os cortes como o acaecido o xoves con máis dun milleiro de clientes afectados.

Non parece de recibo que a calidade da subministración nesta capital sexa tan deplorable despois dos investimentos que a compaña veu realizando nas dúas últimas décadas. Incluíndo a subestación de Lourizán, que se xustificou como a gran solución para a mellora do abastecemento a Pontevedra. Lonxe de ser así, agora Naturgy admite que se detectou «unha elevada taxa de erros» na condución de media tensión que discorre por San Antoniño. Pero a empresa, lonxe de proporse descontar dos recibos «os erros», se parapeta en que os apagamentos están dentro das marxes legais, que lles permite un máximo de dez ao ano. Así que teñamos paciencia, porque aínda poden sobrevirnos outros cinco apagamentos máis ata o 31 de decembro e Naturgy dirá que presta unha subministración adecuada.