Autocaravanas, o turismo descoñecido

Borja Castro Fontán LA VOZ

PONTEVEDRA

MARTINA MISER

Cada vez son máis os que deciden pasar as súas vacacións «coa casa ao lombo»

25 ago 2019 . Actualizado ás 16:47 h.

O turismo de autocaravana é un dos grandes fenómenos turísticos en auxe actualmente. Este tipo de turismo instaurouse no noso país para quedar. Os beneficios que achega non son poucos, liberdade de movemento, de horarios, e mesmo un contacto máis directo coa natureza e a paisaxe. Para viaxar só se necesitan tres cosas: vontade de conducir, gasolina e un espazo acondicionado para parar a recargar e baleirar os depósitos.

Por sorte, a existencia destes lugares é algo cada vez máis común en España. Hanse cuadriplicado na última década, pasando de 183 a 904. Galicia é a comunidade con máis espazos dedicados ás autocaravanas con 125. Deles, a maioría atópanse na provincia de Lugo, con 35, seguidos da Coruña con 42, Pontevedra con 27 e, en último lugar, Ourense con 20. A pesar diso, Pontevedra é unha das provincias que concentra maior demanda de ocupación. Segundo declara Manuel Fernández Arruty, presidente da Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA), a ocupación da área situada nos antigos terreos de Tafisa, supera durante todo o ano o 90% da súa ocupación, acadando no verán ata o 110%.

O volume de autocaravanas incrementouse ao longo dos últimos cinco anos, polo que resulta unha evidencia a crecente importancia que ten este tipo de turismo actualmente. Segundo os datos da asociación española da industria e comercio do caravaning (Aseicar), as matriculacións en España multiplicouse nos últimos dous anos, polo que actualmente se estima que hai aproximadamente unhas 50.000 autocaravanas que forman parte do parque móbil de España. A iso hai que sumar as 150.000 que cruzaron as nosas fronteiras procedentes de distintos países europeos. Polo tanto, dedúcese que nestes momentos hai aproximadamente unhas 200.000 autocaravanas percorrendo este verán todo o territorio español.

As implicacións que ten esta nova forma de viaxar non son poucas. Os beneficios económicos que supón recibir este tipo de vehículos é algo a ter en conta. Desde ingresos económicos, pasando pola promoción turística e unha desestacionalización e deslocalización do turismo. «Os autocaravanistas viaxan durante todo o ano, non só en tempada alta. Ademais, non se dá unha concentración, senón que pasan por diferentes lugares».

O peso que ten este tipo de turismo na actualidade é algo indiscutible, e estímase que seguirá crecendo durante os próximos anos. Agora só falta dalo máis a coñecer.

A ocupación

do parque de Tafisa rolda o 90% durante ao longo de todo o ano

Quen se definen autocaravanistas viaxan durante todo o ano, non só en tempada alta

«Galicia é un paraíso para os autocaravanistas»

O pontevedrés Manuel Fernández-Arruty, presidente da Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA) fala sobre este novo tipo de turismo tan demandado na comunidade galega.

-Que ten de especial este tipo de turismo?

-A súa características fundamentais son a liberdade á hora de decidir a viaxe, o tempo que desexes permanecer nun lugar determinado, así como a capacidade e dispoñibilidade nos aloxamentos. Ademais, o contacto coa natureza é moitísimo máis directo.

-Cando empezou vostede coas autocaravanas?

-Eu empeceino hai xa 25 anos. Daquela eramos uns poucos os que tiñamos autocaravanas, pero fai uns cinco anos chegou o bum. O crecemento foi espectacular e mantívose durante os últimos catro anos. A crise retardouno, pero agora mesmo non para de crecer.

-Que beneficios trae?

-Os evidentes de calquera tipo de turismo. A única diferenza entre nós e outros turistas é que nós non pasamos a noite nun hotel. Polo demais, somos igual que calquera outro e temos as mesmas necesidades e gastos. En xeral, o beneficio é económico e divulgativo, porque os autocaravanistas promocionan os lugares aos que van por medio de canles internas de comunicación.

Pola miña banda, creo que este tipo de turismo é perfecto para lugar contra a desestacionalización e a deslocalización do sector, un dos grandes problemas do sector.

-Cal é a súa relación coas Administracións?

-Boa, tanto cos concellos como coa Xunta. Nós sempre estamos abertos a que calquera administración contacte connosco para axudarlles e orientarlles en todo o que nos sexa posible. En xeral apóiannos, aínda que ás veces xorden algúns problemas.

-Que problema?

-A nivel lexislativo, porque nós estamos a pedir que contemple na lei a creación de aparcadoiros privados, xa que a gran maioría son públicos. Tamén propuxemos outra sobre as rutas de ligazón para visitantes, xa que moita xente viaxa e fai paradas en lugares intermedios.

José Román e Dolores Beateiro, usuarios de Sevilla: «Non nos importaría pagar polos servizos que usamos»

Os sevillanos José Román e Dolores Beaterio contan, en primeira persoa, as súas opinións como usuarios que viaxan desde hai uns anos como autocaravanistas.

 -Que lles trae a Pontevedra?

-Viñemos a coñecer Galicia. Onte estivemos en Ourense, Vigo, agora aquí en Pontevedra e mañá sairemos para Santiago e A Coruña.

-Desde fai canto teñen unha autocaravana?

-Levamos uns seis anos. É unha cousa que nos gusta desde fai moito. A José gústalle conducir e estivemos en moitos sitios como Portugal ou Asturias.

-Como usuarios, como ven este tipo de turismo?

-Desde a nosa experiencia notamos que en moitos lugares non hai áreas, e ás veces ponche moitos problemas. A nós non nos importaría pagar polos servizos, pero polo menos que teñamos un lugar para estacionarnos. O que xa non nos parece normal é que moitas veces nos fagan pagar por durmir. Para iso temos xa nosa autocaravana.

-Que opinan da área de Tafisa?

-Pois a verdade é que está moi ben. É a primeira vez que estamos por aquí, así que non a coñeciamos. Foi moi doado de buscar no GPS, porque nos saíu ao momento. Está moi ben situada e estamos moi contentos co servizo que teñen. En Andalucía os aparcadoiros non están tan ben. Estivemos en moitos sitios e a estas alturas xa vimos case de todo. Algúns que nos querían cobrar coma se fósemos usuarios dun cámping, ou outros con áreas moi pequenas, e servizos moi malos.Nós leramos que a situación para as autocaravanas aquí en Galicia estaba moi ben e, de momento, estamos de acordo. Se todo vai como ata agora, repetiremos seguro.

-Como lles tratan?

-Ben, non temos queixa. Pero se que creemos que a xente e as administracións deberían pensar que nós somos turistas e, á fin e ao cabo, comemos, compramos e visitamos. Iso é diñeiro para os lugares e promoción, porque nós coñecemos xente con autocaravanas e recomendámonos sitios para viaxar.