Que pasou co convenio para estudar a alga do Umia?

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

ADRIÁN BAÚLDE

O Concello de Caldas di que «problemas administrativos» atrasan o acordo coa Universidade

17 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A proliferación de cianobacterias no encoro do Umia, en Caldas de Reis, levou en agosto do 2018 ao Concello a constituír un comité de crise para reclamar solucións á Xunta. A finais do ano pasado, coa presa da Baxe xa en estado de alerta pola presenza da alga Microcystis e tras prohibirse o baño no dique do río e na fervenza de Segade, ese comité contactaba co biólogo e director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, Fernando Cobo, un experto na materia.

Uns meses máis tarde, en febreiro do 2019, o Concello de Caldas anunciaba a firma de dous convenios de colaboración co organismo dependente da Universidade de Santiago (USC). Un dos acordos era para a vixilancia e asesoramento sobre as floraciones de cianobacterias na presa, mentres que o outro versaba sobre a vixilancia e seguimento limnológico das condicións do encoro. A limnología é a rama da ecoloxía que estuda os ecosistemas acuáticos continentais, as interaccións entre organismos e o seu ambiente.

Seis meses despois daquel anuncio, que pasou con eses convenios? O acordo entre o Concello e a Estación de Hidrobioloxía quedou de momento niso, nun anuncio. O seu director, Fernando Cobo, confirmou este venres a La Voz que non se materializou a firma.

Desde o goberno local de Caldas aluden agora a «problemas administrativos» para xustificar o atraso. O alcalde, Juan Manuel Rey (PSOE), afirmou que este ano non había partida orzamentaria e que ademais xurdiron discrepancias sobre se había controversia ou non co concurso que gañou Espiña e Delfín para facer as analíticas da auga. No entanto, o rexedor deixou claro que o convenio se mantén e que se materializará, dunha forma ou outra, no 2020. Os fondos serán só do Concello ao non contar coa Xunta para ese traballo.