Dous corvos mariños marcados en Cíes pescan en Ons e Arousa

Marcos Gago Otero
MARCOS GAGO PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

O programa de seguimento remoto das aves mariñas revela as súas rutas por todas as Rías Baixas

15 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Con precisión milimétrica, os técnicos do Parque Nacional Illas Atlánticas saben cada día onde están dous corvos mariños de Cíes, nun programa de seguimento remoto para coñecer máis sobre os hábitos desta especie mariña. Colocáronlles un dispositivo de localización con GPS no arquipélago vigués hai uns meses e os resultados revelan desprazamentos por unha ampla franxa de litoral desde a ría de Vigo ata a de Arousa e a península do Barbanza. O terceiro exemplar deste proxecto, marcado en Sálvora, é menos viaxeiro. Móvese todo o ano nunha pequena franxa de territorio mariño entre a illa e o litoral de Ribeira. Un cuarto corvo mariño, ao que se puxo o dispositivo en Ons o ano pasado, deixou de transmitir, non sen antes demostrar que lle gustaba viaxar, con rutas que lle levaban ata A Lanzada e A Illa.

O comportamento dos corvos mariños de Cíes era unha incógnita que se vai desvelando aos poucos. quedan en casa como facía o de Sálvora? Ou resultan máis aventureiros como o desaparecido de Ons? As xeolocalizacións concluíron a segunda opción. A un, marcado en verde no mapa, gústalle moverse sobre todo entre Cíes e a costa de Cangas, aínda que fai viaxes esporádicos ata Sálvora a 30 quilómetros; mentres que o segundo, goza máis da enseada de Aldán, e a contorna mariña de Ons, incorporando excursións ata tan ao interior da ría de Arousa como para chegar ata A Illa, a máis de 37 quilómetros do arquipélago vigués. Desde Medio Ambiente, sinalan o dispositivo é ultraligero -17 gramos-, se monitoriza directamente desde Internet e está deseñado para ser hidrodinámico porque os corvos mariños son aves mergulladoras.