Un verán diferente na Lanzada para dous mil nenos

b. c.

PONTEVEDRA

DEPUTACION

25 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Volven os campamentos da Lanzada. Este domingo arrincou unha nova tempada de DepoAventura, o programa de campamentos da Deputación de Pontevedra, que permitirá pasar unha semana de vacacións a 2.200 nenos de entre 8 e 13 anos da provincia en once quendas. E nun lugar privilexiado. Os campamentos celébranse no Centro Vacacional da Lanzada (O Grove), unhas instalacións da Deputación situadas en plena natureza e co espectacular areal da Lanzada de telón de fondo.

A primeira quenda, do 23 e o 29 de xuño, conta con 200 participantes que xa empezaron a gozar da oferta de ocio da Lanzada. Durante unha semana os rapaces terán á súa disposición actividades de convivencia, náuticas, medioambientais e ata algunhas en lingua inglesa.

Como principal novidade para este verán, o goberno de Carmela Silva vai espallar durante DepoAventura A Lanzada os principios da igualdade. En concreto, daráselle visibilidade ás mulleres dos ámbitos profesionais máis asociados aos homes.