O Teucro refórzase co porteiro do Anaitasuna Edu Salazar

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Óscar Vázquez

16 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A saída de Lloria e de Javi Santana obrigou ao Teucro a buscar dous porteiros de urxencia que suplisen aos veteranos ex teucristas. O primeiro en chegar foi o arxentino Federico Wermbter e agora será o porteiro venezolano e criado en Galicia, Eduardo Salazar. O que fose gardameta do Frigoríficos Morrazo durante catro anos incorpórase á disciplina azul despois dunha tempada no Anaitasuna. Aos seus 26 anos, Salazar acaba de ser esta mesma semana seleccionado pola Liga Loterías Asobal por ter feito a mellor parada da tempada defendendo a camiseta do conxunto navarro. A súa incorporación achegará experiencia ás filas azuis e fará un tándem case perfecto co arxentino Wermbter, que con tan só 21 anos é un porteiro de moita proxección. Sobre a chegada de Edu Salazar, o técnico azul, Luis Montes, recoñece que «é un porteiro galego con moita experiencia en Asobal, que contrasta moito con Federico no estilo de xogo, co cal teremos dúas formas distintas na portería».

Salazar responde a un perfil máis explosivo e con moitos reflexos baixo paus, mentres que Federico «ten máis envergadura e un estilo totalmente diferente. Entre ambos nos deixan unha portería completa e a moi bo nivel para afrontar a tempada», comenta Luis Montes. A saída de Javi Santana e días despois a de Lloria deixara ao aire una das zonas craves no balonmán. Con poucos días de diferenza, o Teucro atopou o yin e o yang para a próxima tempada. As últimas fichaxes do equipos compaxinan á perfección a mocidade e a experiencia. Os xogadores máis novos optan polo Teucro como plataforma de lanzamento, mentres que os que atesouran máis experiencia buscan dar calma nos momentos decisivos nunha División de Honra Prata que se está reforzando a conciencia.