Reforzo serbio para o Teucro con experiencia en Asobal

Nieves D. Amil
Nieves D. Amil PONTEVEDRA/ LA VOZ

PONTEVEDRA

cedida

Nemanja Bojicic, de 26 anos, xogou en Aranda e Palma del Río

14 jun 2019 . Actualizado ás 19:04 h.

O Teucro suma unha nova incorporación ao seu proxecto da próxima tempada. A fichaxe do pivote serbio Nemanja Bojicic é o terceiro nunha semana na que o club sorprendeu co regreso ao club do que fose adestrador e xogador Milucho Pintos. O xogador balcánico de 26 anos chega ao equipo cunha sobrada experiencia no balonmán español despois de ter xogado no Villa de Aranda, onde estivo unha tempada en Asobal e media en División de Honra Prata e tras o seu paso polo Palma del Río, onde chegou en xaneiro do 2018. «Vén reforzar a zona do pivote, creo que cumpre perfectamente o perfil que estabamos a buscar, é forte en defensa e tamén pode atacar, ademais ten experiencia na categoría», comenta Luis Montes sobre a nova incorporación do Teucro.

Unha das grandes vantaxes deste xogador, cunha envergadura de 1,93 de alto e 103 quilos de peso é que a súa polivalencia na pista permitiralle reducir os cambios ataque defensa, algo do que este ano se abuso polos continuos problemas nun persoal demasiado curto.

Bojicic vestiu as cores do Palma del Río ata finais de ano, cando chegou a un acordo co club para desvincularse polos continuos problemas económicos que atravesaba o equipo que nese momento estaba en cuarta posición a tan só dous puntos de ascenso directo. «É un xogador grande, moi bo defensor, que vén de facer unha primeira parte da tempada en Palma del Río moi boa. É un pivote completo, que pode facer un bo traballo non só na zona defensiva», puntualiza Montes.

O pivote serbio acumula na súa carreira deportiva experiencias no seu país natal, onde ademais foi internacional en categorías internacionais. A súa experiencia fóra de Serbia non foi só en España, senón que Nemanja estivo na liga turca, onde vestiu a camiseta do HC Antalaspor e HC Gencerbiligi.