O custo de montar as eleccións supera os 175.000 euros na cidade

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Na capital estableceranse 106 mesas, atendidas por algo máis de 300 persoas

25 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Polo baixo e tendo en conta soamente o gasto administrativo -logo poderíanse engadir moitos gastos máis-, a celebración das eleccións municipais e europeas na capital pontevedresa cústalle ao Estado uns 175.000 euros. Sae a uns 2,60 euros por cada persoa do censo electoral. Ese diñeiro invístese tanto na adecuación dos colexios electorais como no transporte de urnas, montaxe e desmonte das cabinas e, por suposto, no pagamento de dietas quen foron designados como membros das mesas.

Na cidade pontevedresa, mañá abriranse un total de 63 colexios electorais. Neles colocaranse 106 mesas distintas. Cada membro desas mesas cobrará uns 65 euros por doce horas de traballo. Iso, sen contar a cantidade que o Estado pagará a maiores da súa cobertura da Seguridade Social e o custo que supoñen as cinco horas de redución de xornada á que teñen dereito despois de celebrarse os comicios. Tendo en conta que na capital traballarán nas mesas algo máis de 300 persoas, para pagarlles eses 65 euros a cada unha fai falta un montante de 22.000 euros.

En que se inviste o resto dos 175.000 euros? O Estado ten que desembolsar outra cantidade importante para pagar aos representantes da Administración. Son delegados institucionais, habitualmente funcionarios do Concello, que se encargan do traslado das urnas, así como de ir comunicando calquera incidencia nas mesas ou, tamén, de comunicar a participación que se rexistra a determinadas horas, para que se poida ir vendo se é alta ou baixa.

Tamén se paga a secretarios municipais -no caso de que actúen como delegados das xuntas electorais- e a funcionarios da Administración de Xustiza. Os soldos máis elevados da xornada lévanllos o presidente e o secretario da Junta Electoral de Zona, que percibirán 2.982 e 2.769, respectivamente, polo seu traballo. Os vogais do mesmo órgano cobran 766 e 1.278 euros. A maiores destes conceptos que están estipulados claramente, habería que calcular o que custa o dispositivo de seguridade que se establece para evitar incidentes durante a xornada laboral ou o salario dos carteiros que se encargan de entregar os votos por correo e levar sóbrelos coas actas de cada mesa á xunta electoral.

No conxunto da comarca

Se en lugar de facer o cálculo só na capital pontevedresa este esténdese este a outros catorce municipios -Marín, Sanxenxo, Cerdedo-Cotobade, Bueu, Poio, Caldas, Cuntis, Ponte Caldelas, Moraña, A Lama, Barro, Vilaboa, Campo Lameiro e Portas-, a cifra mínima que desembolsará o Estado para montar as eleccións ascende a 425.000 euros. Cabe lembrar que hai só uns días pagouse outro tanto para votar nos comicios xerais.

No conxunto dos quince municipios citados estableceranse un total de 256 mesas electorais. Xa que logo, en toda a comarca se mobiliza a case 800 veciños para que sexan vocais ou presidentes dalgunha delas. Uns e outros se pasarán o domingo á sombra, tras as urnas. Cando pechen os colexios, ás 20.00 horas, será o momento no que teñan que facer o reconto tanto do voto das eleccións municipais como do dos comicios europeos.