Homenaxe póstuma a Ania Horszowski, sobrevivente do Holocausto fincada en Caldas

Cristina Barral Diéguez
c. barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

Estivo internada no gueto de Lwów, en Polonia

08 may 2019 . Actualizado ás 11:49 h.

Case tres meses despois do seu falecemento no Hospital do Salnés, en Vilagarcía, Ania Fuchs de Horszowski recibirá unha homenaxe póstuma en Caldas de Reis. O Concello organiza este venres, 10 de maio, un tributo a esta muller sobrevivente do Holocausto no gueto de Lwów (Polonia) e que pasou os últimos anos da súa vida na vila termal. A invitación oficial a cargo do alcalde, Juan Manuel Rey, só especifica que a homenaxe terá lugar ás 12 horas no Parque Xardín da localidade. Trátase dun acto aberto ao público.

O corazón de Ania apagouse o pasado 13 de febreiro aos 97 anos. Esta sobrevivente do Holocausto nazi non puido superar unha infección pulmonar que a mantiña ingresada no hospital comarcal. A historia desa muller de sorriso e beleza que lembraban ás das actrices de antes segue viva. Lembrábao tras transcender a súa morte o presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel, Pedro Gómez-Valadés: «Foi unha muller dunha humanidade enorme. Todo o que pasou fixo dela unha muller moi forte. Os sobreviventes do Holocausto van desaparecendo por unha cuestión de vida e aí é cando nós temos que tomar o relevo e manter a súa memoria». Meu dito meu feito. O Concello de Caldas quere recoñecer a traxectoria de Ania, que pasou no municipio os seus últimos nove anos de vida.