O Gafos é oficialmente o cuarto espazo natural de interese local (ENIL) de Galicia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

O Diario Oficial publica a orde que determina «definitivamente» que o río pontevedrés é un ENIL, asi como a que establece o seu plan de conservación

15 abr 2019 . Actualizado ás 16:07 h.

Tiveron que pasar oito anos, pero desde hoxe, día no que se publica no Diario Oficial de Galicia a orde que así o establece «definitivamente», o río Gafos é oficialmente o cuarto espazo natural de interese local (ENIL) co que conta Galicia. De igual modo, este luns hase oficializado o plan de conservación dunha contorna natural de 49,8 hectáreas, todas elas dentro do termo municipal de Pontevedra.

«Presenta unha comunidade vexetal diversa que se caracteriza pola presenza de bosques ribeiregos de Carici lusitanicae-Alnetum e Senecio bayonnensis-Alnetum glutinosae, e onde as raíces se atopan permanentemente empozadas», apuntan desde Medio Ambiente. De igual modo, «resulta singular a presenza dun gran número de pés de loureiro (Laurus nobilis) espallados ao longo da súa superficie, en bo estado de conservación». 

No plan de conservación apúntase, así mesmo, que «a vexetación de ribeira chega a ser dunha densidade sorprendente, sobre todo no referente ao estrato herbáceo e ao sotobosque: fentos, liques, musgos, silvas, xibardas (Ruscus aculeatus L.) e mesmo lúpulo (Humulus lupulus) comparten hábitat con estripos e carballos de dimensións importantes». Neste punto, non dubidan en apuntar a existencia de exemplares de «de pau de San Gregorio (Prunus padus), de estraña presenza nesta latitude».

En canto á fauna, están catalogadas vinte especies de mamíferos, entre as que destaca a lontra europea ou paleártica (Lutra lutra), que está protexida, mentres que tamén se localizan once anfibios e outros tantos réptiles. «Hai que destacar cinco endemismos, como son Chioglossa lusitanica, Lissotriton boscai, Discoglossus galganoi, Lacerta schreiberi e Podarcis bocagei», precisan desde a Xunta, á vez que subliñan que tres «están clasificadas como vulnerables no catálogo galego de especies ameazadas».

De igual modo, contabilizáronse media ducia de especies de peces e preto dun centenar de aves, das que aproximadamente a metade crían habitualmente na zona declarada ENIL. De todas elas, sete están incluídas na lei que regula aqueles espécimes que serán obxecto de medidas de conservación especales para, deste xeito,garantir a súa supervivencia e a súa reprodución, mentres que outras 55 aparecen na listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.

En canto aos invertebrados, e segundo refire o plan de conservación do Gafos, catalogáronse 53 especies de lepidópteros, 35 coleópteros, unha trintena de himenópteros, 27 hemípteros, 16 ortópteros, unha cifra similar de odonatos, 14 arácnidos e 57 dípteros.