Caldas leva a pleno o convenio coa USC para estudar a alga do Umia

c. b. CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

CONCELLO

O Concello quere que se siga estudando e analizando a problemática do río

26 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Concello de Caldas de Reis levará a pleno este xoves a firma dun convenio coa Universidade de Santiago (USC) para o control e estudo das cianobacterias no Umia. Esta colaboración asínase tras a reunión mantida entre o alcalde, Juan Manuel Rey (PSOE), e o biólogo e director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con, Fernando Cobo.

O goberno local sinalou este luns que mantén a súa preocupación polo estado do río e que quere garantir a subministración de auga con maior seguridade. Este estudo vai completar os datos que se obteñen coas análises periódicas sobre o estado da auga. «O que se pretende con este convenio é seguir estudando e analizando a problemática do río, sen botar balóns fóra nin pasarlle a pelota a outras Administracións porque o compromiso e obrigación do Concello é subministrar auga de calidade aos veciños», sinalou o Concello.