Caldas aforrou máis de 100.000 euros na factura da luz nos últimos tres anos e medio

Cristina Barral Diéguez
cristina barral CALDAS / LA VOZ

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O Concello destaca o uso de tecnoloxías máis eficientes

20 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

O Concello de Caldas de Reis conseguiu un aforro de máis de 100.000 euros nos últimos tres anos e medio. Desde o goberno local sinalaron este martes que ese cambio na iluminación pública e de edificios municipais débese fundamentalmente a dous tipos de actuacións. O alcalde, Juan Manuel Rey (PSOE), aludiu a unha análise pormenorizada das facturas anteriores e á reclamación de erros detectados. Tamén tivo a súa incidencia a adecuación de tarifas de acceso ás características de cada subministración, a contratación da potencia óptima e control do consumo innecesario.

A outra pata do aforro enerxético hai que buscala na substitución de iluminación pública e de edificios por tecnoloxías máis eficientes e menos contaminantes. «Froito destas actuacións os kwh aforrados durante os anos 2015 (parte), 2016, 2017 e 2018 ascenden a 800.000 kwh e na factura aforrouse algo máis de 100.000 euros», sinalou o Concello. Que engadiu que deixou de emitir máis de 308.000 quilos de dióxido de carbona á atmosfera.

O gasto en luz supón o 8 % dos gastos anuais totais do Concello. Para este 2019 o equipo de goberno agarda conseguir unha maior optimización da factura e a enerxía consumida. Con este proxecto de aforro e eficiencia enerxética o Concello de Caldas quere transmitir que é consciente da necesidade dunha «xestión óptima para dedicar o diñeiro a outras partidas máis necesarias, para loitar contra o cambio climático e actuar con exemplaridade».

O próximo paso é desenvolver un plan para lograr a certificación enerxética de todos os edificios municipais e colexios. As actuacións encamiñadas ao aforro enerxético realizáronse en colaboración coa empresa Ceire, Control e Inspección Regulamentaria.