«A retranca vén no noso código xenético, no ADN»

La Voz

PONTEVEDRA

ANGEL MANSO

15 feb 2019 . Actualizado ás 07:00 h.

Ten claro que o público que se cite este sábado en Afundación con Noites de Retranca só pode «agardar o inesperado. Con Luis [Zahera], que acaba de gañar un premio, ou con Oswaldo [Digón], que é un dos humoristas máis punteiros de Galicia, e co que boamente poida facer eu, que son un pouquiño macarra, a xente non soamente llo vai a pasar ben, senón que probablemente se sorprenda». Neste punto, a David Perdomo, emulando a Maira Gómez Kemp, só lle faltou rematar cun «e ata aquí podo ler».

-Hai algún fío condutor no espectáculo?

-Non. En principio, cada un ten o seu propio monólogo individual e creo que Oswaldo e Luis van facer algo. Si que é probable que improvisemos entre nós, pero iso xorde máis do momento que outra cousa. Estas partes de improvisación fan que o espectáculo sexa máis dinámico.

-Antes aludía ao Goya concedido a Luis pola súa interpretación no Reino. Cambioulle?

-(Risos) Non, para nada. Creo que é dos actores máis auténticos cos que contamos en Galicia e para min sempre foi un referente. Isto non o digo agora que gañou este premio, senón que o dixen toda a miña vida. Creo que, de feito, este premio chegou un pouquiño tarde. Como bo actor de carácter que é, Luis é un tío cunha personalidade e unha forma de ser que é levouno a ser quen é. Non cambiou absolutamente nada. Todo o contrario, cada vez é máis o de antes e isto é algo sempre de agradecer.

-Estamos en tempos difíciles para o humor?

-Estamos en tempos especialmente complicados para o humor. Sempre fun un pouco o enfant terrible da escena galega e doume conta de que está complicado. Estamos a mirar todo con lupa e hai ese complexo de pel fina que ten todo o mundo que todo molesta. Parece que che podes queixar absolutamente de todo. Isto fai moi difícil o humor, pero, doutra banda, tamén o fai doado porque toda esa censura o que provoca en moitos cómicos é que nos rebelemos e vaiamos un paso máis, e que a comedia evolucione. Coas redes sociais, a inmediatez e a hipercomunicación está a ser complicado o humor desde o punto de vista que todo está en cuestión desde o momento que a opinión de todo o mundo é un abecé. No meu caso persoal, serviu para dar un paso máis no humor e entender o que está a suceder conseguindo que a comedia camiñe máis aló do que á xente poida molestarlle ou non.

-No seu caso, ademais, como enfant terrible móvese ao límite do que moitos poderían considerar o politicamente correcto…

-A liña realmente a marca uno. É igual que cando se di que “non podes facer iso porque aos de arriba vailles a molestar”. A liña pola ti ata onde queres chegar, ata onde che queres mollar e implicar, ata que ou como o queiras contar. Creo que agora a liña está demasiado abaixo. Está máis abaixo que fai vinte anos. Todo o mundo se indigna absolutamente con todo.

-E de cara ao futuro? Hai futuro no humor en Galicia?

-É alentador. En Galicia, a parte dun código e unha identidade propios dentro do humor, a canteira que vén é moi interesante. Dentro de todo o Estado, temos un humor moi particular, pero é un gran descoñecido. Augúrolle moito éxito e moito futuro. Agardo que evolucione cara a un humor cada vez con menos censura e que a xente desenvolva a intelixencia un pouco máis respecto do humor…

-Pero, é un humor que transcende a retranca coa que sempre se nos asocia?

-A retranca vén xa no noso código xenético, no noso ADN. Témola aí e igual non é utilizada como o podía facer Castelao, pero segue estando aí. É, talvez, o alicerce basee do noso sentido do humor.