Emoción ante un achado prehistórico único

Marcos Gago Otero
marcos gago MARÍN / LA VOZ

PONTEVEDRA

CAPOTILLO

O marinense forma parte do equipo que descubriu recentemente as pinturas rupestres de Casaio

15 feb 2019 . Actualizado ás 07:00 h.

Francisco Alonso (Marín, 1990) protagonizou un inesperado descubrimento arqueolóxico de primeira magnitude en Galicia, ao participar no achado de pinturas prehistóricas nun recóndito punto de Casaio, na comarca ourensá de Valdeorras. Este mozo, graduado en Historia pola USC, ten un máster en Arqueoloxía e é doctorando sobre cerámica medieval en Galicia. Na súa traxectoria profesional é un dos dous socios de Estela Arqueoloxía e Patrimonio SL, onde forma equipo co biólogo Miguel Ángel Fernández Martínez.

Arqueólogo de vocación, fai gala do seu entusiasmo polo mundo antigo e a súa aplicación para o presente. «Sempre considerei que estudar de onde vimos e coñecer o noso pasado é o que nos fai humanos, o que nos diferencia doutros animais», afirma. Ese interese comezou de neno. «De moi pequeno xa facía eu andanzas polo castro da Subidá [en Marín] subindo en bicicleta e percorréndome todos os petróglifos de Mogor e de Pepito Meijón [canteiro local do século XX]».

Alonso imaxinábase, nos seus primeiros anos, que o castro da Subidá era «como entrar nun mundo á parte no que absolutamente todo tiña que ser arqueolóxico e tiña que ser algo marabilloso do pasado». Lembra como «a calquera pedra que podías atopar por alí dábaslle unha importancia absoluta aínda que á hora da verdade non fose nada». Iso si, era respectuoso co xacemento. Nunca se lle deu por remover a terra á procura de restos antigos. Así mesmo, o seu asombro ante os gravados de Pepito Meijón xorde do «por que se lle deu por percorrer todos os montes de Marín facendo o que facía».

Aínda que a Arqueoloxía era a súa paixón, Francisco Alonso entrou na Universidade cun obxectivo totalmente distinto. Empezou a cursar Economía, disciplina na que cursou o seu primeiro ano. Ao final, gañaron os seus soños de mocidade fronte aos datos das táboas de contabilidade. «Vin que ao que me tiña que dedicar era ao que verdadeiramente era a miña paixón e xa me pasei a Historia», precisa. Na súa decisión sentiuse apoiado pola súa familia. «Apoiáronme, aínda que había algo de escepticismo porque é unha profesión moi complicada na que non todo o mundo tristemente ten traballo, pero eu por sorte teño a miña propia empresa e vou aguantando».

A súa primeira escavación foi en Valdavara, no concello lucense de Becerreá, no marco dun proxecto da Universidade. «Eu cheguei alí dun xeito moi romántico, pensando que a arqueoloxía era coller cepillo e paletín e traballo fino», relata. Con todo, a realidade foi diferente. «O que fixemos foi escavar nunha canteira con maquinaria pesada, intentando acceder a unha cova desde arriba, é dicir, que se a cova non estaba colmatada, nós poderiamos caer dentro de ela».

Non houbo cepillo neses días, senón maquinaria pesada. «Foi o meu primeiro cambio de impresión no campo da arqueoloxía. Agora sei que este traballo supón cousas moi variadas, moita obra e moitas máquinas, aínda que tamén hai pincel e paletín».

Desde entón, tomou parte en escavacións en Monforte, en Vilanova de Arousa, nos centros históricos de Pontevedra e Santiago e no corredor do Morrazo e fixo «moita arqueoloxía de xestión», control de obras cotiás para que non danen o patrimonio. De todos os achados da súa vida profesional, confesa que o que máis lle emocionou é o recente das pinturas prehistóricas de Casaio. Non se tratou do descubrimento de Tutankamón por Howard Carter, pero si tivo a súa complexidade. «É algo único, porque só hai tres puntos con pintura esquemática en Galicia, pero tamén é un lugar bastante remoto, ao que nos ía guiando xente da parroquia. Estaba todo vestido dun áurea bastante romántica».

Sorpresa nas rocas

Este novo marinense, foi consciente desde o principio de que o descubrimento das excepcionais pinturas era un golpe de sorte e un fito na súa carreira. Esa impresión avalouna a importante repercusión mediática e xa non só en círculos académicos

«Non tiñamos nin idea de que iamos atopar pinturas. Sabiamos que había un chozo, un refuxio da guerrilla antifranquista, e leváronnos a el, porque a nosa intención era documentalo», engade. «Chegamos ao abrigo despois dunha boa camiñada, e cando o vin deime conta de que tiña as condicións perfectas para ter pintura deste tipo, así que me puxen a revisar as paredes». Non daba crédito, diante del estaba un ídolo oculado, que é a primeira vez que se atopa esta representación simbólica na arte rupestre galego.

Exipto, Mesopotamia e Mesoamérica son os grandes centros da arqueoloxía mundial, con todo, Alonso prefire o terruño galego. «Galicia é o meu, creo que non ten nada que envexarlles, porque aínda que non teñamos unha estrutura tan grande como unha pirámide, temos unha historia moi rica».