Aprobado o proxecto para as piscinas de Campolongo

c. b. PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

15 feb 2019 . Actualizado ás 14:01 h.

Se non hai contratempos, as obras de reforma das piscinas do complexo deportivo de Campolongo iniciaranse o 1 de abril. Segundo explicou este xoves o portavoz do goberno local do Concello de Pontevedra, Raimundo González (BNG), os técnicos municipais xa supervisaron o proxecto definitivo, «que se adapta ás prescricións do prego». A actuación, que ten que estar rematada para o 1 de outubro, suporá en práctica un novo edificio, con maior superficie para a práctica deportiva, moderno e luminoso. A empresa Serviocio BeOne, concesionaria das instalacións, cumprimenta estes días o trámite de entrega ao Concello do expediente de contratación, que será aprobado nas próximas semanas pola xunta de goberno local. Tamén están moi avanzadas, sinalou o edil, as negociacións para a contratación da construtora que executará a reforma. A actuación ten un orzamento de 5.140.000 euros, dos que 4.333.000 son de obra civil.

Desde o goberno local destacouse, segundo datos achegados por Serviocio BeOne, que máis do 50 % dos socios xa reservaron praza para outubro. O prazo para renovar a matrícula péchase a final deste mes. Do 1 ao 10 de marzo abrirase o período para cursillistas e a partir do 11 de marzo será para todas aquelas persoas que non sexan usuarias da piscina.