«Non agardaba ter tantos minutos en Asobal»

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Sergio Pérez liderou o partido do sábado e gana en confianza para despuntar o resto do campionato

12 feb 2019 . Actualizado ás 08:00 h.

Sergio Pérez recoñece que o sábado lle saíu todo ben. Foi lle máximo goleador do Teucro, con sete anotacións, e soubo culebrear á defensa do Guadalaxara para botarse o equipo ás costas. Onte volvía ser un estudantes de Ciencias da Educación e o Deporte. Apuraba os minutos na residencia de estudantes antes de comer e de regresar á facultade. E é que, chegou a Pontevedra para alternar o equipo de primeira Nacional co de Asobal, pero Montes xa non o quere soltar. El está feliz e leva 35 goles vestido de azul.

-Ante o Guadalaxara, púxose a pista por monteira.

-A verdade é que fixen un bo partido, levaba desde que volvemos de Nadal adestrando moi ben e tiña confianza, o sábado saín con ganas, pero non agardaba que me saíse tan ben.

-Cando chegou ao equipo non contaba con ser tan determinante...

-Estou feliz, non agardaba ter minutos en Asobal e fun collendo confianza, teño que seguir traballando. Ao final abusamos moito o sábado e na primeira liña xogamos case todos o partido os mesmos e foi aí cando eles se achegaron no marcador. Davor Cutura, Fischer e eu estabamos moi cansos.

-É máis sólido este Teucro que o de hai dous meses?

-É certo que este equipo traballa con moita intensidade, é un pouco máis sólido, no encontro do sábado a clave foi a defensa, conseguimos frear a Vigo e García. Aínda así é un pouco pronto para sabelo.

-A do sábado foi unha actuación brillante, pero haberá algo no que cre que ten que mellorar?

-Si, claro. Teño que mellorar en todo, ao final do partido xa non podía máis, é neses momentos cando teño que ter capacidade de control. Perdín un par de balóns na segunda parte e un pouco debeuse ao cansazo.