O BNG conquista todos os barrios e o rural

Lars Christian Casares Berg
Christian casares PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Lores triplica ao seu inmediato seguidor en intención de voto en todas as áreas do municipio

11 feb 2019 . Actualizado ás 19:27 h.

O BNG vapulea a todos os seus rivais en todas as zonas da cidade. Non hai distrito entre os cinco en que divide Sondaxe o termo municipal (Centro Histórico-O Burgo, Centro-Sur, Leste, Oeste e Rural) no que a formación que lidera en Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores non sexa hexemónica. E de longo. O seu inmediato seguidor en cada zona de cando en cando acada o terzo dos apoios que teñen os nacionalistas. Como excepción, o rural, aínda que a distancia tamén é ampla. Alí, o BNG obtén o 25,1 % en intención de voto polo 10,2 % de Cidadáns.

A segunda forza varía en función do barrio. Se os de Lores obteñen o 26,3 % no Centro Histórico e O Burgo, o inmediato seguidor alí, o PP, está lonxe, cun 6,8 %. No Centro-Sur, polos 25,1 % do BNG, outra vez o PP en segunda opción só logra o 9,9 %. No Leste, os nacionalistas son a opción para o 39,4 %. Alí é Marea a segunda forza, cun 14,9 %. No Oeste, os nacionalista volven ser os primeiros, cun 21,6 % de intención de voto. En seguna posición, o PP, só acada o 7,5 %.

Por barrios, os principais celeiros de votos estarían no Leste para o BNG, PSOE e Marea -é aquí tamén onde hai menos indecisos-, no rural para Cidadáns e no Centro-Sur para o PP. Vox, aínda que sen representación de acordo ás enquisa de Sondaxe, tería o seu celeiro electoral na zona Oeste. En cambio, nin no rural nin na zona Este lograría cultivar apoio algún.

A abstención, xunto co grupo de indecisos destaca por elevada no Centro histórico-O Burgo e a zona Oeste, cun 51,8 % e un 42 %, moi por amais da media, que se sitúa no global do municipio nun 33,1 %, segundo Sondaxe.