E aí reside a súa maxia

Roberto Antón PSICÓLOGO FAMILIAR

PONTEVEDRA

10 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai persoas que teñen unhas cualidades que resultan un tanto complicadas de definir con palabras, pero que por algunha curiosa razón, convértense en especiais para unha comunidade determinada e son lembradas durante varias xeracións, que existen na memoria durante décadas.

As nosas vidas vanse construíndo con recordos, e moitos deles están relacionados con estas persoas especiais que poboan os espazos onde convivimos, e que lembramos con nostalxia cando desaparecen do noso día a día. Seguramente todos somos capaces de traer á nosa memoria presentas que vivían no lugar onde pasamos a nosa infancia e que, por algún motivo, foron especiais para nós, xerando recordos que nos gusta compartir con aqueles cos que gozamos daquela época.

Moitos deses recordos están asociados a algunha sensación especial para nós nese momento, talvez unha melodía, un sabor ou un cheiro determinado. En definitiva, algo que nos fixo sentir no seu momento, e que cando vén á nosa memoria remítenos automaticamente a ese lugar especial. Cando esas persoas desaparecen dunha cidade, pérdese algo da súa esencia, xa que do mesmo xeito que en nós, a identidade dun lugar constrúese tamén a través dos recordos das xentes que a poboan, e moitos deles están intimamente ligados a esas persoas especiais.

No entanto, a pesar da súa ausencia, estas persoas seguen presentes na memoria colectiva das xeracións que viviron eses momentos especiais, e é aí onde continúa a súa maxia.